A Xunta dará medio millón de euros á estación de Manzaneda para que a explote unha empresa privada

O anuncio do crédito chega despois de que o PSdG denunciara "escurantismo" na concesión. O BNG acusa á deputación provincial, tamén inmiscuida na operación, de exercer de "pagafantas" sen dar explicacións.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/01/2021 | Actualizada ás 21:40

Comparte esta noticia

Volve pender a polémica sobre a estación de montaña de Manzaneda. A lapa do debate vén de prender a raíz dunha batería de preguntas do BNG achegadas á Deputación Provincial a respecto do financiamento da estación, propiedade da sociedade MEISA, constituída na súa ampla maioría grazas a achegas da Xunta de Galicia e a propia deputación ourensá.

Estación de esquí de Manzaneda
Estación de esquí de Manzaneda

As cuestións do BNG oriéntanse á razón pola cal a Deputación terá que gastar case medio millón de euros --498.349,63€, en concreto-- en concepto dun crédito participativo para botar a andar a nova adxudicación do espazo. Dende o Bloque critican, asemade, que o ente provincial non ofreceu aínda "explicacións" sobre a nomeada adxudicación do espazo.

Por esta razón, a batería de preguntas desenvolta pola formación nacionalista e o seu grupo provincial tiñan por obxectivo "botar luz sobre os criterios da adxudicación da estación, os custes económicos  que terá a mesma"  e o "cumprimento da legalidade" do procedemento en cuestión. A Deputación eludiu a resposta alegando que daría parte ao consello de administración de MEISA, da cal posúe o 49,45% das accións.

Este reparto case 50-50 do accionariado explica que a Xunta vaia poñer a restante metade --493.725,49€-- dese crédito participativo que rolda o millón de euros. Segundo o BNG, "non é o primeiro desembolso que realiza a Deputación provincial nun curto espazo de tempo". Tal e como destacan os nacionalistas, no pleno de setembro de 2020 a deputación provincial entregáballe a MEISA 448.470€ en concepto de outro préstamo participativo. 

"A día de hoxe a realidade é que os Deputados e Deputadas provinciais continuamos sen ter a mínima información do futuro da estación de montaña de Manzaneda”, afirma Varela. Neste aspecto, a formación nacionalista criticou tamén que a Deputación "se comporte como un pagafantas cos cartos de todos os orensáns sen dar a máis mínima explicación.”

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta