Denuncian "discriminación" no reparto das vacinas a sanitarios: "a orde alfabética non se cumpre "

CESM pide a dimisión dun alto cargo do CHUAC por valerse, supostamente, de criterios "pouco transparentes" para repartir as doses. O Sergas nega esta denuncia e di que "non houbo ningún problema".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/01/2021 | Actualizada ás 22:25

Comparte esta noticia

Apenas unha semana despois de que arrincara a vacinación dos sanitarios galegos, xa pende a polémica sobre o mecanismo de distribución das doses sobre o persoal dos hospitais. Segundo puido coñecer Galicia Confidencial, nos hospitais galegos están a xurdir xa denuncias por vacinas presuntamente administradas sen seguir os protocolos dispostos polos propios centros sanitarios.

Vacinación contra a covid. POOL
Vacinación contra a covid. POOL

Aínda que as denuncias emerxen dende diversos centros hospitalarios, polo de agora as presuntas irregularidades máis sinaladas proveñen do complexo coruñés. Alí, tanto fontes sanitarias que prefiren permanecer no anonimato como o sindicato médico CESM denuncian que está a ter lugar unha "flagrante discriminación" á hora de administrar as vacinas.

En concreto, a denuncia do CHUAC atinxe ao caso concreto dos anestesiólogos, que polo seu papel na intubación dos enfermos de covid corren especial risco no marco do proceder hospitalario. Neste aspecto o CESM asegura que a Xefatura de Anestesioloxía --responsable da distribución das vacinas-- se está a guiar por "certas decisións unilaterais" e de carácter "pouco transparente" que contradirían a orde de vacinación estipulada.

PIDEN DIMISIÓN

Segundo puido coñecer GC a través de fontes do sector, no CHUAC estipulouse como orde de vacinación a distribución alfabética dos seus sanitarios. A problemática chegou cando, de acordo coa mesma fonte anónima, a xefatura aludida comezou, supostamente, a "saltar o precepto". "Este criterio non se cumpre estritamente no CHUAC", destaca a fonte, que relata "reclamacións e queixas" desenvoltas por actores sindicais. 

De acordo con esta versión, nos hospitais coruñeses estase "favorecendo a algunhas persoas por servizo na vacinación, sen respectar a orde alfabética do mesmo". Ante estas circunstancias, a CESM vén de dirixir un escrito á xerencia coruñesa pedindo a dimisión da Xefatura de Anestesioloxía polos supostos incumprimento relatados. 

O SERGAS NEGA AS "DISCRIMINACIÓNS"

Pero desde o Sergas negan a maior destas acusacións e insisten en que non houbo "ningún tipo de discriminación". Así aseguran que o plan de vacinación se realizou como estaba previsto desde o pasado mércores. "Non houbo ningún tipo de problemas e participaron todos os que foron chamados", aseguraron fontes do Chuac consultadas por Galicia Confidencial. Ademais dos profesionais do hospital tamén foron vacinados os profesionais da Atención Primaria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta