A nova estación de autobuses de Santiago estará operativa en marzo

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, sinalou que o Goberno central segue sen dar datas sobre a chegada do AVE.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/01/2021 | Actualizada ás 16:32

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia porá en servizo no próximo mes de marzo a nova estación de autobuses de Santiago de Compostela e licitará a demolición da actual. Así o avanzou este martes a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, durante unha visita ás obras da pasarela e da nova terminal de autobuses acompañada polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.

Segundo indicou, estas actuacións supoñen un orzamento total de 16 millóns de euros, dos que o Goberno galego achega máis de 12. O proxecto está cofinanciado pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.

No caso da nova estación de autobuses, que executa e financia a Xunta con máis de 10 millóns, a conselleira concretou que tanto o edificio de viaxeiros como a área de dársenas están xa terminados. Ademais, precisou que só faltan detalles como colocar o peche da zona de instalacións, rótulos e outros pequenos acabados.

No que se refire a a pasarela, a execución é efectuada pola Xunta e tamén a cofinancian o Concello de Santiago e Adif, cun investimento total de máis de 5,5 millóns. Os traballos desta infraestrutura, segundo apuntou, están na recta final.

Puntualizou que a fachada da pasarela está só pendente da subministración do material para colocar na cuberta da marquesiña da praza Clara Campoamor, ademais dos acabados finais no pavimento da praza e na propia pasarela, na que hai que realizar un pulido.

Dada a próxima finalización destas actuacións, o Goberno galego espera que o Concello de Santiago axilice ao máximo os trámites para formalizar o convenio de xestión e poder dotar a nova terminal dos servizos para seu correcto funcionamento. Ethel Vázquez puxo en valor estas infraestruturas, que transformarán o acceso ao transporte público na cidade en toda a área de Santiago, fomentando o seu uso e facilitando un intercambio áxil e seguro entre os distintos modos.

CHEGADA DO AVE

Así mesmo, lembrou o compromiso da Xunta e o Goberno de España para dotar dunha gran estación intermodal que contribúa a reforzar o atractivo da capital de Galicia ante o Xacobeo e que prepare a cidade para a chegada do AVE. A este respecto, destacou que o Executivo autonómico cumpre cos seus labores, pero lamentou que o Goberno central sigua sen ofrecer unha data certa para a posta en servizo do AVE e sen ningún avance na reforma da terminal ferroviaria de Compostela.

Tamén lembrou que a Xunta continúa á espera de que o Ministerio de Transportes e Adif atendan á demanda de eliminar a cláusula dos 3,5 millóns de viaxeiros, como requirimento para acomeer unhas obras imprescindibles para Santiago e para o seu futuro. Precisamante, a eliminación desta condición foi un dos anuncios feitos polo ministro de Fomento, José Luís Ábalos, na súa última visita a Galicia.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo,visitan as obras da intermodal. XUNTA / XOAN CRESPO / Europa Press
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo,visitan as obras da intermodal. XUNTA / XOAN CRESPO / Europa Press

Sobre o AVE, o alcalde de Santiago confiou en que estea "para o ano 2023", así como "a resolución adecuada da conectividade entre este conxunto, o Ensanche e a rúa do Hórreo", un proxecto aprobado recentemente na xunta de goberno local e que o Concello de Santiago espera licitar "proximamente".

Ademais, mostrou a súa satisfacción polo avance da intermodal, que "resolve un problema de conectividade co barrio de Pontepedriña, que mellora enormemente" e que favorece a interrelación entre os diferentes sistemas de transporte.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta