O debate da vacina: deben ir os profesores xusto despois dos sanitarios?

STEG vén de solicitar á Xunta que profesores e alumnos de risco sexan vacinados nas próximas semanas. Outros sindicatos, como a CIG, non o teñen tan claro e chaman á "prudencia".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/01/2021 | Actualizada ás 22:20

Comparte esta noticia

Vacinar xa a profesores e alumnos de risco, si ou non? Esta viría sendo a pregunta que pende no aire dende o lanzamento dunha campaña para incluír estes colectivos do corpo educativo na fase II da vacinación. En principio, esta segunda etapa de administración da vacina comezaría por aqueles anciáns de maior idade, unha vez fora completada a vacinación de sanitarios e internos das residencias de maiores. A petición do sindicato STEG, con todo, abre a porta a un debate que ameaza con se prolongar.

Vacinación contra a covid. POOL
Vacinación contra a covid. POOL

De acordo coas previsións da Xunta, a nomeada fase II da vacinación podería comezar tan cedo como nos primeiros días do mes de febreiro. A problemática está, por suposto, en quen recibirá a vacina nesas vindeiras semanas. O STEG dirixiuse nas últimas xornadas á Xunta de Galicia para pedir que "intercedan na inclusión das traballadoras e do ensino en xeral e, das/dos docentes do ensino público e do alumnado con patoloxías graves en particular".

A petición do STEG, da que xa informou Galicia Confidencial, vén determinada polo risco que o sindicato advirte na práctica diaria do profesorado. Segundo destacan nun comunidado, a formación ve en docentes e alumnos con patoloxías graves "un segmento da poboación" cun "alto nivel de contactos interpersoais" que teñen lugar no marco da propia interacción profesional; é dicir, entre alumnado, coas familias, co profesorado, etc.

Porén, non todas formacións sindicais con representación nos centros galegos pensa do mesmo xeito. A CIG-Ensino, en troques, chama á "prudencia" con respecto á dinámica da vacinación. "Temos que ter un coidado exquisito para non adiantarnos e pedir vez nun proceso que depende das autoridades sanitarias. Evidentemente, todas as persoas --en especial as de risco-- deben ser vacinadas, pero a orde dependerá de moitos factores bioéticos", subliñou o seu Secretario Xeral Suso Bermello.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta