Denuncian que a Xunta "incumpre a lei" ao exceder os prazos de atención a dependentes

En Galicia hai preto de 5.000 persoas pendentes de ser valoradas para optar á atención.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/01/2021 | Actualizada ás 13:21

Comparte esta noticia

Galicia rematou o ano 2020 cun cociente de atención á dependencia do 92,7%, a cifra máis alta da serie histórica, o que sitúa á comunidade en terceira posición a nivel estatal en porcentaxe de atención máis elevada. En total, hai máis de 62.500 persoas atendidas e preto de 5.000 pendentes de valoración.

Así o explicou este xoves o director xeral de Maiores, Fernando González Abeijón, durante unha comparecencia parlamentaria para responder a unha pregunta formulada polo grupo socialista sobre a atención á dependencia en Galicia. Durante a súa intervención, a deputada socialista Mariña Ortega afeou á Xunta que aínda estea "lonxe de cumprir" os prazos de resolución máximos marcados pola Lei de Dependencia, de seis meses, e que no caso galego duplícanse, e reclamou máis medios --humanos e económicos-- para atallar esta situación.

Fronte a esta reclamación, o representante da Xunta volveu a incidir en que o Goberno central "non está a cumprir coas súas obrigacións legais con respecto ao que lle corresponde pagar". Isto é, que a Lei de Dependencia esixe un financiamento ao 50% por parte da administración central e da autonómica. Con todo, González Abeijón explicou que, na actualidade, dos 400 millóns anuais que a Xunta destina a dependencia, o 76 por cento "saen das arcas autonómicas", mentres que o Estado achega o 24 por cento. "Para mellorar a resposta, é necesario financiamento", resolveu.

371 DÍAS DE TEMPO MEDIO DE RESPOSTA

Galicia ten un tempo de espera medio entre a solicitude e a resolución de dependencia, admitiu o director xeral, de 371 días, un período que "excede ao legal" e que a Xunta "traballa para reducir". No entanto, Fernando González explicou que aquelas solicitudes que "necesitan atención prioritaria", por situacións de emerxencia, "teñen acceso á prestación en tempos inferiores", nalgúns casos mesmo de días.

En aras de mellorar este proceso, a Xunta enviou esta semana a distintas comarcas da provincia de Ourense equipos de valoración para tratar de reducir os tempos. Este proxecto piloto levará a cabo durante seis meses e, se obtén resultados, poderá exportarse a outras áreas. Do mesmo xeito, engadiu, está a traballarse tamén en medidas para a simplificación de trámites administrativos, algo para o que será necesario realizar a oportuna modificación da Lei de Dependencia.

No medio, a Conselleira de Política Social Fabiola García. XUNTA
No medio, a Conselleira de Política Social Fabiola García. XUNTA | Fonte: XOÁN CRESPO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta