Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/01/2021 | Actualizada ás 11:11
Marina Blanco, neumóloga do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac), pediu, como fixeron nos últimos días distintos profesionais sanitarios, a colaboración cidadá, instando a saír de casa "só en casos de extrema necesidade".
Fíxoo nunhas declaracións remitidas aos medios de comunicación nas que traslada a preocupación dos profesionais polo "incremento rápido de ingresos na última semana". "Que están a xerar un alto índice de ocupación hospitalaria e unha elevada porcentaxe de pacientes con insuficiencia respiratoria grave". Destes casos, remarcou tamén o feito de que necesiten "medidas de soporte respiratorio máis avanzados que o osíxeno convencional".
"Rogámoslles que colaboren ao máximo no cumprimento das medidas de illamento saíndo do domicilio só en casos de extrema necesidade", conclúe. De acordo cos últimos datos achegados pola área sanitaria da Coruña e Cee, segue o aumento de ingresos con 248 pacientes ingresados, deles 34 na UCI do Chuac e 188 en planta. No Quirón hai dous en UCI e sete en planta; no Modelo, dous en UCI e cinco en planta e en Cee, dez en planta. As altas son 152 e os pacientes en domicilio 4.146.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.