A Consellería do Mar crea un Atlas da frota de baixura co que pretende unha pesca máis sustentable

A conselleira de Mar, Rosa Quintana, di que Galicia aspira a alcanzar un modelo de pesca que garanta un futuro próspero ás comunidades costeiras.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/01/2021 | Actualizada ás 18:18

Comparte esta noticia

O Atlas da frota de baixura do litoral de Galicia (2000-2018) fai unha radiografía da frota de artes menores de Galicia coas 20 modalidades de pesca máis importantes e a súa evolución, así como coas especies obxectivo máis relevantes para o sector. Diso informou este venres a Consellería do Mar, xornada na que a conselleira Rosa Quintana, participou na presentación telemática deste documento ao sector.

Segundo indicou a conselleira, esta ferramenta permite contar cunha foto fixa da realidade das distintas modalidades de pesca de artes menores de Galicia e das súas principais especies obxectivo. Ademais, está a disposición do sector e contribuirá a adoptar as mellores decisións na xestión dos recursos así como a conseguir que a actividade se desenvolva de maneira sustentable e rendible.

A Xunta sinalou que este estudo a fondo da frota de artes menores --que conta con preto de 4.000 embarcacións-- é froito do traballo que desenvolve a Unidade Técnica da Pesca de baixura (UTPB) desde 1999 mediante o embarque de observadores a bordo dos buques pesqueiros --que rexistran os resultados obtidos polos mariñeiros nas súas xornadas de faena--, e a análise dunha media de 3.000 lances anuais, unha información que se suma aos datos de vendas nas lonxas ofrecidos pola Plataforma Tecnolóxica da Pesca. Por iso, o atlas ten o dobre obxectivo de dar conta da actividade da UTPB neses 18 anos e tamén ser unha ferramenta últil para a toma de decisións na xestión dos recursos.

Neste sentido, a titular de Mar incidiu en que Galicia aspira a alcanzar un modelo de pesca sustentable co que garantir un futuro próspero ás comunidades costeiras e subliñou que este traballo é unha ferramenta máis na busca dese obxectivo. De feito, sinalou, contribuirá a mellorar a eficiencia na protección dos hábitats e na conservación dos recursos, así como a tomar mellores medidas na explotación das especies.

Deste xeito, o Atlas da frota de baixura do litoral de Galicia (2000-2018) analiza en profundidade a actividade extractiva da frota de artes menores, as súas características e as vinte principais modalidades de pesca existentes --como os distintos tipos de nasas ou as artes de enmalle, entre outras-- así como a súa evolución.

A isto súmase a avaliación en detalle das principais especies obxectivo da frota de baixura --un total de 22 entre as que se atopan o polbo, a centola, a nécora, a sardiña, o xurelo, a pescada ou a vieira-- a súa presenza nas distintas zonas do litoral de Galicia e a evolución das súas capturas.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana. MONCHO FONTES
A conselleira do Mar, Rosa Quintana. MONCHO FONTES

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta