A terceira onda impacta de cheo nos colexios cunha escalada de contaxios

Docentes e ANPA advirten das carencias en medios dixitais ante un hipotético regreso ao confinamento

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/01/2021 | Actualizada ás 12:39

Comparte esta noticia

Galicia atópase no momento de maior incidencia da COVID-19 desde a irrupción da pandemia sanitaria no mes de marzo. A terceira onda está a romper todos os máximos nas cifras de contaxios por mor das festas do Nadal e os centros educativos sitúanse de novo como un reflexo do que ocorre na sociedade xeral.

O sistema educativo está a vivir un crecemento exponencial no número de positivos detectados desde o regreso ás aulas do alumnado. A semana pasada Galicia alcanzou e superou o pico de casos activos que se deu na segunda onda, no mes de novembro, pero o ritmo de contaxios acelerouse progresivamente.

O día 15 os positivos chegaran aos 1.535, cunha diferenza de 502 respecto da semana anterior, pero cada día marcouse unha nova 'marca' de casos activos. Este venres o sistema educativo galego volveu romper o teito en número de casos de coronavirus cun total de 2.628 contagios.

Esta situación viuse reflectida no número de aulas cuarentenadas e naquelas clausuradas, que ascenderon de 31 hai unha semana ás 114 deste venres, que supón tamén outro máximo da pandemia sanitaria nos centros galegos.

Estas cifras poderían ser aínda maiores, posto que reflicten o total e a diferenza de casos que permanecen activos entre xornadas e non os datos de contaxios reais que se van detectando entre o alumnado e profesores.

Do mesmo xeito o balance que a Xunta remite aos medios de comunicación reflicte unicamente as aulas e centros que pechan por decreto da autoridade sanitaria e non aquelas clausuradas por decisión dos equipos directivos e as corentenas voluntarias ou preventivas.

NON HAI TRANSMISIÓN COMUNITARIA

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade instou en reiteradas ocasións á comunidade educativa a manter a prudencia e o cumprimento estrito das medidas e protocolos sanitarios, posto que a inmensa maioría dos contaxios proceden do exterior dos centros e, por iso, de momento non existe transmisión comunitaria.

A pesar diso, como trasladan diferentes representantes de sindicatos e ANPA a Europa Press, a incidencia da pandemia e as particularidades das propias infraestruturas educativas, coa dificultade engadida das condicións climatolóxicas, elevan o risco de que as circunstancias cambien dun día para outro.

Rogelio Carballo, de Confapa-Galicia, advertiu de que esta concepción dos centros como espazos seguros baséase en "estatísticas" e é "tremendamente discutible", e sinalou que os pais están preocupados" pola evolución da pandemia.

Sobre todo referiuse ao "problemazo" para ventilar as aulas nestas condicións climatolóxicas, ademais duns edificios que se atopan na "obsolescencia" e non permiten aplicar correctamente os requisitos de calidade ambiental.

PROBLEMAS DE VENTILACIÓN

O sindicato ANPE, que reclamara atrasar o inicio do curso para analizar os posibles contaxios tras as reunións do Nadal, censurou a situación "kafkiana" que se vive nos centros, con alumnos e docentes "conxelados toda a mañá" e usando mantas.

Por iso, Julio Díaz instou a "darlle unha volta" aos protocolos de contaxios, de filtros de aires e de ventilación e insistiu na importancia de introducir aos grupos vulnerables nos plans de vacinación "canto antes".

Luz López, de CC.OO. Ensino, trasladou a tamén que as autoridades "deberían ter en conta a climatoloxía" á hora de adoptar estes protocolos e lamentou a falta dun cribado a traballadores e alumnado antes de retomar as aulas, que "era necesario".  Todo iso, engadiu, co fin de manter o traballo que permitiu contar cunha "baixa incidencia" durante o primeiro trimestre e asegurar a ausencia de transmisión comunitaria nas aulas.

Suso Bermello, de CIG-Ensino, vai máis aló e cre que está "bastante claro" o risco de contaxio que existe actualmente nos centros, "que non son máis seguros que calquera outro espazo" e contan cun factor "máis elevado que a media" polo nivel de exposición e a cantidade de persoas que transitan cada día polas instalacións educativas.

CONFINAMENTO SEN MEDIOS

Un dos aspectos de debate ante esta terceira onda da pandemia refírese á necesidade ou non de implantar de novo un confinamento domiciliario da poboación para porlle freo a esta terceira onda. De darse esa situación, todos coinciden na importancia de preservar a saúde, respectar as directrices dos expertos sanitarios e en manter a presencialidade o máximo posible, aínda que con matices.

Bermello puxo de exemplo as decisións que está a tomar Portugal e que, por iso, un confinamento total debería "vir acompañado do escolar", pero tamén puxo o foco na ausencia de medios do 'plan de ensino virtual' "que tanto venderon e que a día de hoxe non existe". 
"Se mañá se produce un confinamento non hai nada feito máis que a literatura dese plan. É un problema, porque estou de acordo que un confinamento total, por exemplo, nun municipio específico tería que vir acompañado do escolar", explicou.

"NIN ESTÁ NIN SE LLE ESPERA"

Respecto diso, Rogelio Carballo lamentou que o proceso de dixitalización "nin está nin se lle espera" e censurou a falta de preparación do ensino telemático. "Se non hai transición nin evolución para facer factible iso, evidentemente imos defender que (as aulas) sigan abertas".

Luz López insiste en que "deben ser os expertos" os que ditaminen as medidas necesarias e cre que "habería que buscar un equilibrio" que permita contar con ambas as opcións en función de cada caso.

"Con garantías sanitarias, pedimos que sexa presencial. Pero se temos que volver ao ensino a distancias a Consellería tense que pór as pilas e pór medios suficientes para afrontalo con garantías e non o caos de conexións e alumnos sen medios do curso pasado", considerou Díaz.

Imaxe dunha aula. XUNTA - Arquivo
Imaxe dunha aula. XUNTA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta