Un cento de persoas piden en Melide a reapertura "inmediata" do mercado

Entenden que este espazo é seguro ao celebrarse ao aire libre, ademais de non existir datos de contaxios nestas contornas

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/01/2021 | Actualizada ás 19:07

Comparte esta noticia

Un centenar de persoas, entre elas homes e mulleres que venden alimentos na feira do domingo de Melide (A Coruña), protagonizaron unha concentración para esixir ao Concello a reapertura "inmediata" deste mercado "sempre baixo o cumprimento estrito dos protocolos" marcados polas autoridades sanitarias.

Esta protesta, tal e como informa nun comunicado o Sindicato Labrego Galego (SLG), prodúcese tras a "reincidencia" do goberno municipal ao "prohibir" este mercado que, ao ser ao aire libre, "ten mellores condicións" que espazos pechados como os supermercados.

Nesta concentración na Praza do Convento de Melide puidéronse escoitar consignas como 'Queremos mercar os grelos ás veciñas' ou 'Espazos labregos, espazos seguros' e leuse un manifesto no que se expoñen catro demandas "fundamentais" para o Concello.

A primeira delas, a "reapertura inmediata" do mercado dominical de alimentos cunha reorganización temporal e a distribución dos postos "en novos espazos" para garantir as distancias.

Ademais, o texto reclama "recursos materiais e humanos" para cumprir os protocolos sanitarios e que se publiquen recomendacións a través de "bandos, radio municipal e outros medios de difusión" nas que mostre que a adquisición de alimentos no mercado é a opción "máis segura".

Como cuarta demanda, o manifesto pide unha "revisión" das políticas municipais para "apoiar e reforzar" esta feira coa que "se apoia a economía local, os proxectos agrogandeiros da comarca, o mantemento de postos de traballo, a creación de riqueza no rural ou o reforzo da nosa soberanía alimentaria" fronte a uns supermercados que sofren "desabastecemento".

Esta é a terceira vez que o Concello decreta en menos dun ano o peche da feira "sen que houbese ningunha orde de autoridades sanitarias ou políticas que obrigase a facelo" e sen ningún "estudo ou informe" que indique que nesta contorna se producise algún contaxio de coronavirus, denuncia o SLG.

Concentración para pedir ao Concello de Melide (A Coruña) a reapertura do mercado dominical. SINDICATO LABREGO GALEGO
Concentración para pedir ao Concello de Melide (A Coruña) a reapertura do mercado dominical. SINDICATO LABREGO GALEGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta