A Deputación da Coruña propón o 1% dos orzamentos das administracións galegas para a hostalaría

Pide evitar "protagonismos políticos", en alusión a Feijóo, para tentar atallar a crise.

Por E.P. | A CORUÑA | 25/01/2021 | Actualizada ás 13:32

Comparte esta noticia

A Deputación da Coruña propón que se destine o 1% dos orzamentos das administracións públicas galegas ao "rescate" da hostalaría. O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, calcula que serían 140 millóns de euros os que se poderían destinar a salvar a "situación de desesperación" destes negocios.

En rolda de prensa tras reunirse co representante da hostalaría da provincia, González Formoso pediu "coordinación e inmediatez" ao resto de institucións e evitar "protagonismos políticos", en alusión a Alberto Núñez Feijóo. "A única maneira de salvar as diferenzas orzamentarias e demostrar a súa vontade é dedicar unha porcentaxe mínima, que establecemos no 1%", explicou, apostando pola "proporcionalidade no esforzo". Unha medida coa que coincide a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.

Segundo o dirixente do organismo provincial, é necesario "un instrumento común que facilite a tramitación das axudas por parte dos hostaleiros" para que estes non teñan que "triplicar ou cuadriplicar as solicitudes en portelos distintos". González Formoso apuntou que este plan de rescate podería ser "extensible" a 2022.

O presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría, Héctor Cañete, mostrouse satisfeito pola proposta da Deputación, que defenderán ambas as partes na reunión desta tarde co vicepresidente da Xunta. Segundo a súa opinión, o "cambio de terminoloxía" de axudas a plan de rescate é "importante".

Grupos de persoas concéntranse en María Pita polas restricións ao sector da hostalaría
Grupos de persoas concéntranse en María Pita polas restricións ao sector da hostalaría | Fonte: M. Dylan - Europa Press - Arquivo

O portavoz dos empresarios de hostalaría tamén denunciou a "dificultade" que sofren para tramitar as axudas publicadas ata agora. "Solicitamos ata sete subvenciones para conseguir axudas que non son suficientes", reprocha Cañete, que remarca que o 99% dos hostaleiros "nunca recibiran ningunha axuda".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta