Condenado a dez anos de prisión por ter relacións sexuais cunha menor de 14 anos

Sublíñase que a nai da nena reprochoulle o contacto con ela en abril de 2016, "refrescándolle a data de nacemento, a pesar do cal continuou a súa conduta antixurídica ata novembro dese ano".

Por E.P. | A CORUÑA | 25/01/2021 | Actualizada ás 17:37

Comparte esta noticia

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña condenou a dez anos de cárcere a un home que cando tiña 45 anos iniciou cunha menor de catorce unha relación sentimental "clandestina" e que incluíu "a práctica habitual de actos sexuais".

Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), os maxistrados tamén lle impuxeron ao home, ao que considerou culpable dun delito continuado de abuso sexual sobre menor de dezaseis anos, seis anos de liberdade vixiada e a prohibición de comunicarse por calquera medio coa vítima e de aproximarse a ela durante once anos.

O imputado, segundo consta na sentenza, mantiña unha relación laboral e de amizade coa nai da menor, polo que "coñecía perfectamente" a súa idade. "A alegación de que o acusado non coñecía a idade da adolescente está en franca contradición co resultado das probas persoais, coa lóxica das cousas e co sentido común".

"Case convivían desde finais do 2013 ou ao comezo de 2014, tiñan trato diario, acompañábaa ao centro escolar, sabía cando era o seu aniversarios e as súas características físicas non podían enganalo, por canto, como se expresou, representa menos idade da que ten", indica o tribunal na resolución.

Nela, sublíñase que a nai da nena reprochoulle o contacto con ela en abril de 2016, "refrescándolle a data de nacemento, a pesar do cal continuou a súa conduta antixurídica ata novembro dese ano".

Sede TSXG. EUROPA PRESS - Arquivo
Sede TSXG. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta