Feijóo erixe o Consello Consultivo en "alicerce básico" do autogoberno

O presidente do Goberno galego asiste á toma de posesión dos seus novos membros.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 25/01/2021 | Actualizada ás 18:32

Comparte esta noticia

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou que o Consello Consultivo é un alicerce básico no desenvolvemento e protección do autogoberno, un espazo plural e independente no que a diversidade de visións está ao servizo dun só obxectivo: "velar polas institucións de todos".

Acto de toma de posesión de José Luis Costa Pillado, Ignacio de Loyola Aranguren Pérez, Alberte Souto Souto e Nora María Martínez Yáñez como integrantes do Consello Consultivo de Galicia
Acto de toma de posesión de José Luis Costa Pillado, Ignacio de Loyola Aranguren Pérez, Alberte Souto Souto e Nora María Martínez Yáñez como integrantes do Consello Consultivo de Galicia | Fonte: Parlamento de Galicia.

Así o manifestou durante a toma de posesión dos seus novos membros, un acto no que Feijóo destacou a contribución deste órgano, desde a súa creación en 1995, para fortalecer a confianza nas institucións públicas da Comunidade.

"Así o entendeu este Consello desde o inicio, cando o recentemente falecido José Antonio García Caridad converteuse no seu primeiro presidente", lembrou para aseverar que a ese "honroso labor" entregaranse, desde este luns, Alberte Souto Souto e Nora María Martínez Yánez, aos que deu a benvida e desexoulles sorte e acertos. Unha responsabilidade que tamén seguirá exercendo Ignacio de Loyola Aranguren Pérez e José Luís Costa Pillado.

Nesta liña, precisou que, do mesmo xeito que aos seus antecesores, ambos contan para exercer as súas funcións cun atributo esencial, sen o cal non se entendería este órgano: a plena autonomía orgánica e a liberdade para orientar o labor das administracións públicas.

Nuns tempos marcados por unha "profunda incerteza e desafección", Feijóo aproveitou o acto para incidir na importancia do labor das institucións públicas para blindar a fortaleza dun "edificio institucional que se levantou hai décadas e que emana da Constitución, do Estatuto de Autonomía, dun espírito de consenso e converter os pousos da desafección nuns afectos e vínculos renovados".

"Un dos grandes remedios contra a incerteza e a desconfianza sempre foi un marco legal xusto que achegue estabilidade e credibilidade, e que canalice a prosperidade e o benestar ao que todos aspiramos", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta