Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/01/2021 | Actualizada ás 12:29
Galicia rexistrou 16.518 mortes e 7.562 nacementos no primeiro semestre de 2020 o que arroxa un saldo vexetativo negativo de 8.956 persoas. Deste xeito, o saldo vexetativo galego agudiza os seus datos negativos respecto ao mesmo período de 2019 (-8.456), segundo publica este martes o Instituto Nacional de Estatística (INE).
Con todo, Galicia deixa de ser a comunidade con peor saldo vexetativo, pero non porque mellore as súas cifras, senón por empeoramento doutras comunidades nun semestre marcado pola primeira onda do coronavirus. Así, Cataluña presenta a maior diferenza entre defuncións e alumeamentos (-15.347), seguida de Madrid (-14.895) e Castela e León (-12.668). Galicia conta o cuarto peor dato.
No Estado español, o número de defuncións aumentou un 19,6% no primeiros seis meses do ano 2020 co impacto da pandemia. Son 262.373 óbitos, uns 43.000 máis que no primeiro semestre de 2019. En Galicia, as 16.518 mortes son 323 (+2%) máis que no primeiro semestre de 2019. Neste caso, é unha diferenza menor ás cifras de falecidos na comunidade galega na primeira onda (619).
NACEMENTOS Á BAIXA
Pola súa banda, os nacementos en Galicia (7.562) seguen á baixa, pois son un 2,3% menos que no seis primeiros meses de 2019 (7.739). Aínda así, esta diminución é menos acusada que o ritmo de baixada dun ano antes (-7,4%). De feito, o 2,3% de decrecimiento do primeiro semestre de 2020 é inferior ao da media española (-4,2%).
Neste contexto de pandemia, Galicia rexistra un esborralle do número de matrimonios rexistrado (-59,5%), similar ao que sucede na media española (-60,8%). O feito é que só houbo 1.507 ligazóns no primeiro semestre de 2020 na comunidade galega, fronte aos 3.718 dun ano antes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.