O PP defende a súa lei de incautación de terras agrarias pola "obriga cos antepasados"

Esta normativa permitirá á Xunta quedar coas terras en cinco anos se nese prazo non son demandadas polos seus propietarios.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/01/2021 | Actualizada ás 19:36

Comparte esta noticia

A proposición de lei de recuperación de terras, que busca dotar de máis base territorial ás explotacións agrarias, comezou a súa tramitación no Parlamento galego con críticas da oposición á súa forma de impulso.

Parcelaria no monte. XUNTA - Arquivo
Parcelaria no monte. XUNTA - Arquivo

A deputada popular Elena Candia explicou que esta lei --con 144 artigos-- nace do "importante consenso" alcanzado na comisión de estudo tras a vaga de incendios de 2017. Así, destacou que se rexe por principios como o "absoluto respecto" á propiedade privada, ferramentas para aumentar a base territorial de explotacións e o reforzo da capacidade de investigación da comunidade galega para detectar terras abandonadas, ao que suman bonificacións fiscais no sector primario.

Entre outras figuras, destaca que é "importatísima" a de permutas de especial interese agrario, á vez que valora a aposta polos polígonos agroforestais e de xestión conxunta --que necesitan un 70% de acordo dos propietarios--, así como as aldeas modelo. "Todos temos unha obrigación cos nosos antepasados, recuperar a nosa terra. Recuperar é de lei", afirma Elena Candia.

CRÍTICAS

No pleno do Parlamento, Xosé Luís Rivas, Mini (BNG), e Martín Seco (PSdeG) tacharon de "vergoña" e "falta de respecto absoluto" á Cámara que se presente este texto a través do Grupo Popular, no canto de que sexa a Xunta quen o faga mediante un proxecto de lei. Censuran que os populares buscan "furtar" o debate e ofrecer menos seguridade xurídica.

"Cando nos paramos moito na forma, igual é que non temos moitos que dicir do fondo", replicou a deputada popular Elena Candia a os reproches da oposición sobre o que considera unha lei "valente" e "necesaria". A toma en consideración desta proposición de lei contou cos votos a favor do PP, a abstención do PSdeG e o rexeitamento do Bloque.

TEXTO

No texto da futura lei figura que na identificación de leiras abandonadas xogará un papel fundamental a investigación, cun "novo procedemento" para o recoñecemento de leiras de titular descoñecido e o seu pase ao patrimonio da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Deste xeito, a Xunta investigará a propiedade e, se conclúe o proceso sen localizar a ese dono, disporá dese terreo para a súa xestión e posta en valor mentres non aparece o seu titular. Abrirase un prazo de cinco anos para que, no caso de que apareza o propietario, acredite que o é. Nese caso, o rendemento da terra abonaráselle ao seu titular. Pasados o cinco anos, a Xunta quedará con esa propiedade. A partir de aí só quedaría a vía xudicial para a súa recuperación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta