Críticas á Xunta por non pechar as granxas de visóns malia o “alto risco” sanitario: “a que están agardando?”

Nas últimas semanas rexistráronse novos gromos nestas instalacións. Adega considera que Xunta e Goberno contan cos recursos legais necesarios para tomar a decisión. Non descartan acudir á Fiscalía de continuar a negativa a pechalas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/01/2021 | Actualizada ás 09:30

Comparte esta noticia

As granxas de visóns regresan á actualidade diaria da covid. Meses despois de que se coñeceran as primeiras noticias sobre o potencial vírico destas explotacións, o movemento ecoloxista galego segue a demandar o peche “inmediato” de todas as instalacións de Galicia con vistas a limitar unha propagación da covid que poida complicar aínda máis a situación da terceira vaga. 

Visóns americanos na gaiola dunha granxa.. WWF - Arquivo
Visóns americanos na gaiola dunha granxa.. WWF - Arquivo

En concreto, a plataforma ecoloxista Adega vén de pedir á Xunta de Galicia e á Delegación do Goberno, unha vez máis, que procedan á clausura destas instalacións, relativamente abundantes en Galicia --hai 26--. Segundo destacan dende a plataforma, o goberno central e autonómico “poden e deben” proceder a este peche, xa que, explican, contan con cobertura legal “na normativa relativa ao estado de alarma” e “en diversas disposicións legais vixentes en prevención da defensa da saúde pública”.

A demanda de Adega, que se une así a outra paralela efectuada semanas atrás, vén de coller forza por mor da recente aparición dun gromo de covid nunha granxa de visón americano localizada no concello coruñés da Baña. Para os ecoloxistas, o triste rexistro “pon novamente o foco sobre os grandes riscos para a saúde ambiental e cidadá que comportan estas instalacións”. A problemática, explica a plataforma verde, atoparíase na posibilidade de transmisión animal-humana, unha circunstancia da que, din, xa hai “evidencias”.

HOLANDA E FRANCIA XA PECHARON

Ante estas circunstancias, a plataforma reitera a “necesidade” de proceder ao peche destas instalacións para “suprimir de vez esta fonte certa de risco sanitario”, como xa fixeron Holanda, Francia, Reino Unido e Dinamarca, entre outros países europeos. “Non hai pois razóns que xustifiquen a demora en adoptar medidas drásticas. Cada hora que estas granxas seguen abertas sométese á poboación galega a un risco inasumíbel, polo que de persistir a inacción administrativa non descartamos acudir a instancias europeas ou á propia Fiscalía de Medio Ambiente”, explican nun comunicado, antes de engadir: “Teñen capacidade legal e ferramentas para facelo: a que están agardando?”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 HP7k

Non hai razón ningunha para matar visóns, os test pcr deron positivo a sustancias coma kiwis, zumo de mazán, etc...a súa eficacia está moi cuestionada.

1 Nhacanhaca

A mágoa é que non dan positivo en estulticia porque a ti con acercarche o test xa era suficiente. E a súa eficacia está probada.