Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/01/2021 | Actualizada ás 19:25
Axentes ambientais lograron identificar o home responsable de abater a tiros a unha loba, cuxo cadáver apareceu este domingo nun monte da Estrada. Fontes da Consellería de Medio Ambiente trasladaron que a necropsia practicada ao corpo na Facultade de Veterinaria de Lugo confirmou que o animal faleceu por mor de dous disparos de bala.
O departamento autonómico destacou a "axilidade e profesionalidade" dos investigadores para localizar ao culpable, que recoñeceu ante os axentes a autoría dos feitos. O home enfróntase á apertura dun expediente sancionador que podería supor a imposición dunha sanción de entre 601 e 6.000 euros e á retirada da arma de fogo.
O corpo da loba foi achado por dous excursionistas nas inmediacións do Monte do Penedo. Galicia Ambiental denunciou o domingo en redes sociais o achado e relacionouno cunha caza celebrada na zona "horas antes"
A asociación animalista Libera denunciou os feitos e lamentou que se trata de "a segunda baixa" coñecida desta especie animal "no que vai de mes" en Galicia, tras a aparición dun exemplar atropelado o pasado 9 de xaneiro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.