A Rede do Rural abre sucos na Internet para "consolidar unha comunidade rural dixital"

Esta organización creou unha nova web que busca funcionar como ferramenta ao servizo das reivindicacións e necesidades rurais.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2021 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural, máis coñecida como Rede do Rural, vén de presentar a súa páxina web rededorural.org/. Un chanzo máis, explican, no seu obxectivo de consolidar e estender a propia "comunidade rural dixital". Coa fin de "xerar conciencia comunitaria de grupo" e definir unha "palestra e voz integradora coa que interpelar, consensuar, propoñer ou esixir ás Administracións Públicas", a web da Rede do Rural nace coa vocación de configurarse como ferramenta ao servizo da comunidade do rural galego.

Logotipo da Rede do Rural, obra do artista Xoán Andrade
Logotipo da Rede do Rural, obra do artista Xoán Andrade | Fonte: Rede do Rural

Desta maneira, segundo explican as persoas vinculadas ao proxecto, pertencentes ao colectivo Nova Escola Galega, esta web, na que se navega a través de "leiras", tentará consolidar unha plataforma de troco de experiencias, artigos e estudos arredor do rural, de divulgación de iniciativas, análise de políticas institucionais que afectan ao rural, artigos ou reportaxes de custodia do patrimonio e do territorio, reivindicacións de dereitos das comunidades do rural, artigos de opinión crítica... En definitiva, busca "converterse nunha canle de comunicación para as persoas, colectivos e entidades que traballan por un rural autóctono, habitable para as persoas, solidario e desenvolvido de xeito sustentable", defenden.

A Rede do Rural defínese como unha "comunidade que planifica, traballa, habita lugares, rueiros, aldeas e vilas vencelladas por un fío transversal común: preservar e desenvolver o medio rural galego". Agora, esta nova web preséntase coma unha puntada máis dese fío cara a un rural forte e vivo.

Unha muller traballando na horta
Unha muller traballando na horta | Fonte: Uxía Iglesias
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta