Pontón, sobre a reunión Feijóo-Sánchez: "Outro día da marmota, pero con foto"

A portavoz nacional do BNG cre que serrá "un novo fracaso para Galicia", co "agravante" de estar ante unha crise "sen precedentes".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/01/2021 | Actualizada ás 13:26

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, teme que a reunión entre o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, e o do Goberno central, Pedro Sánchez, sexa "un novo fracaso para Galicia", co "agravante" de estar ante unha crise "sen precedentes". "Quedará nunha foto e nuns cantos anuncios que, como pasou hai dous anos, non chegarán a concretarse en nada beneficioso", advertiu a líder nacionalista.

Pontón avisa de que "se repiten os mesmos temas tratados" en 2018 e por iso augura que do encontro deste venres sairá "outro día da marmota con foto". "AVE, Xacobeo, conexión con Punta Langosteira e financiamento son cuestións que xa estiveron presentes na reunión que Feijóo e Sánchez mantiveron en 2018 con nulo resultado para Galicia e volven estar sobre a mesa", critica Pontón.

Isto, ao seu xuízo, pon de manifesto que a cita foi "inútil" e "non se traduciu en nada concreto" para a comunidade e tamén evidencia, na súa opinión, "o nulo peso político de Feijóo". No caso da alta velocidade, a portavoz do Bloque lembrou que hai dous anos Feijóo asegurou "que tiña o compromiso de que a data de 2019 non se tocaba", pero lamenta que "xa se perdeu a conta de cantos atrasos van".

Respecto do financiamento autonómico, cun modelo pendente de reforma desde 2014 de acordo coa súa valoración, acusa o Executivo de Feijóo de non ter modelo e contrapón isto co do BNG: un concerto económico "que permita xestionar o 100% dos seus recursos e despois facer contas co estado".

Por último, engade que "que dicir sobre as novas competencias", posto que tampouco hai "ningún avance" cun Feijóo ao que achaca "o triste record de ser o único presidente galego que non conseguiu ningunha nova transferencia". "Nada en 12 anos", concluíu.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta