Endesa quere construir seis parques eólicos nas Pontes, na contorna da futura planta de hidróxeno

Pola súa parte, o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía Francisco Conde, avisou a Endesa de que "xa non ten escusas" para a reactivación "inmediata" da central das Pontes tras corroborarse a viabilidade das probas con biocombustibles a nivel técnico e ambiental.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2021 | Actualizada ás 09:49

Comparte esta noticia

Endesa busca optar a fondos europeos cun proxecto que pasa pola posta en marcha dunha planta de hidróxeno no municipio das Pontes que prevé comezar en xaneiro de 2023 e terminala en decembro de 2024. O custo será de 127,2 millóns, aínda que o investimento total do proxecto --que tamén inclúe seis parques eólicos asociados na contorna-- alcanzará os 738,2 millóns. Para iso, busca fondos europeos.

Endesa nas Pontes / Comité de empresa. / Europa Press
Endesa nas Pontes / Comité de empresa. / Europa Press

Despois de que Endesa avanzase na reunión do xoves da Mesa de Transición das Pontes que aspira a fondos europeos para este proxecto, este venres informou nun comunicado de que se prevé unha produción anual de 10.000 toneladas na maior planta de hidróxeno verde de España, que contará cun electrolizador de 100 megawatts.

Da operación da instalación ocuparanse un centenar de persoas, ás que se sumarán outras trinta que se encargarán de xestionar os parques eólicos da contorna da localidade que fornecerán a enerxía eléctrica. A planta estará nunha superficie nas inmediacións da central.

Uns días despois de anunciar o peche da central térmica das Pontes, Endesa puxo sobre a mesa esta iniciativa que "será unha referencia internacional polo combustible, polo tamaño e pola tecnoloxía".

CONSTRUCIÓN DE SEIS PARQUES EÓLICOS

En paralelo a estes traballos, entre xullo de 2023 e decembro de 2024, Endesa levantará nas proximidades das Pontes seis parques eólicos que sumarán 611 megawatts. A construción xerará 1.000 empregos durante eses 18 meses, cun investimento de 611 millóns de euros, o que fai un total de 738,2 millóns no conxunto do proxecto.

CONDE AVISA QUE ENDESA "XA NON TEN ESCUSAS"

O vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, avisou a Endesa de que "xa non ten escusas" para a reactivación "inmediata" da central das Pontes  tras corroborarse a viabilidade das probas con biocombustibles a nivel técnico e ambiental.

En declaracións este venres tras a reunión do xoves da Mesa de Transición das Pontes, Conde advertiu de que a compañía "non ten escusas" para presentar "un proxecto concreto que garanta a viabilidade económica e que permita a reincorporación inmediata de traballadores" e da industria auxiliar.

Remarca que a planta "é viable técnica e medioambientalmente", polo que Endesa "ten que dar resposta" para ese compromiso vinculado co peche da térmica. Neste sentido, o conselleiro de Economía demanda ao Goberno central que "non admita o plan de peche e desmantelamento" da térmica se non hai solución "concreta e inmediata" por parte da empresa.

Todo iso, á espera dunha nova reunión dentro de dúas semanas entre administracións, sindicatos e Endesa para avaliar solucións de futuro. Mentres, a compañía informou da previsión de construción dunha planta de hidróxeno nas Pontes, ligada a fondos europeos, cuxa construción comezará a partir de 2023.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta