Por E.P. | A CORUÑA | 29/01/2021 | Actualizada ás 18:31
O ditame do proxecto de lei de museos e outros centros museísticos de Galicia quedou aprobado na Comisión 4ª de Educación e Cultura do Parlamento galego, pendente da súa aprobación definitiva na sesión plenaria.
Fíxoo coa incorporación dalgunhas emendas da oposición e co único apoio do PP. Tanto BNG como o PSdeG-PSOE cuestionaron o seu contido ao entender que é "insuficiente", apuntou a deputada socialista Noa Díaz, e que "carece de concreción", expuxo, á súa vez, a parlamentaria do BNG Mercedes Queixas.
Na súa defensa o deputado popular José Luís Hierro expuxo que se trata dunha norma "nova" no ámbito autonómico "e pioneira no campo do respecto pola pluralidade, o acceso á cultura, a integración da perspectiva de xénero e o emprego do TIC".
Pola contra, para os socialistas a lei "carece de contido e de clara vontade de regular normativamente os centros museísticos", apuntou Noa Díaz na súa intervención nunha sesión na que se incorporaron 10 das 59 emendas socialistas. "Non están a aproveitar para investir en recursos materiais e humanos", argumentou a deputada Mercedes Queixas, do BNG, formación que tamén presentou emendas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.