Daniel Minimalia, galego cun Grammy e dous Hollywood Awards: "Son o alternativo do alternativo; as antípodas de todo"

O guitarrista ourensán traballaba nun concesionario cando decidiu "coller estrada e manta" e probar sorte coa música instrumental.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/01/2021 | Actualizada ás 13:20

Comparte esta noticia

O guitarrista e compositor Daniel Llorente Rei --Daniel Minimalia--, nado no País Vasco en 1983, "aínda que galego de corazón", facía historia a madrugada do xoves ao converterse no primeiro español en sumar dous Hollywood Music Awards ao seu palmarés. Ao primeiro, que chegou en 2015 por 'Olas del Sur' --mellor canción 'world'--, únese agora o premio a mellor canción de Pop/Rock latino polo seu tema 'Flor de leyenda'.

Daniel Minimalia.
Daniel Minimalia.

O premio "sabe o dobre de mellor nestes tempos de malas noticias", comenta Minimalia nunha entrevista concedida a Europa Press. É máis, se se ten en conta que o seu estilo, a música instrumental, non é, de entrada, o que máis pode impactar na industria musical norteamericana.

"Son o alternativo do alternativo; estou nas antípodas de todo", afirma o músico galego, que admite que a reacción máis común cando escolleu este xénero foi: "Que fas?".

"Pero ao final, o que todo o mundo consideraba un hándicap, levoume ata onde estou. Cousas que vías moi afastadas, ao final acábalas conseguindo". Refírese, como non podía ser doutra maneira, ao Grammy Latino que conseguiu en novembro de 2020 polo seu último traballo, 'Terra', galardoado como mellor álbum de música instrumental e que o converteu no único artista galego premiado por un disco propio.

É en 'Terra' onde se sitúa 'Flor de leyenda', o tema que a academia de Hollywood distinguiu co seu galardón anual e que contou coa participación de Esmeralda Grao, que pon a súa voz ao primeiro tema con letra do músico ourensán. "Era o meu cuarto disco e xa era hora de ofrecerlle algo novo ao meu público", explica.

Con todo, Minimalia recalca que os seus próximos traballos seguirán a liña dos anteriores. quedará na música instrumental á que chegou "accidentalmente". "Non era fan deste tipo de música, non a escoitaba. Aínda que tiña experiencia no rock, que tocaba con amigos, cheguei á instrumental de forma totalmente accidental", confesa.

TRAXECTORIA

O guitarrista ourensán mergullouse no xénero cando, en 2007, compuxo o seu primeiro tema, 'Al decir adiós', tras o falecemento dos seus avós na mesma semana. "Foi tal a sensación, que nunca vou esquecer, de expresar todo o que sentía con tan só seis cordas dunha guitarra... Que me dixen: 'Este é o meu sitio", explica.

Aínda así, Daniel Minimalia continuou varios anos máis coa súa vida "normal". O músico galego, que estudara Administración e Dirección de Empresas, e traballou nun banco, cumpriu 25 anos como empregado dun concesionario "aburrido de todo".

"Crecín con ese mantra de que hai que estudar para chegar lonxe, e cumprín os meus deberes, pero nesa época, 2009-2010, non o estaba pasando nada ben e empecei a compor para min, para desafogarme", conta.

Cando reuniu 12 temas e, tras pedir un préstamo, colleu "estrada e manta". "Foi un acto de honestidade comigo mesmo", argumenta.

Minimalia recoñece que os comezos, "moi duros", tiveron máis de emprendemento --"un 90%"-- que de música --"un 10%"--, e deron moitos máis froitos en Estados Unidos que no seu país natal.

"En 2013 empecei a facer os meus primeiros primeiros pasos, movíame por California, onde funciona moi ben a fusión latino-anglosaxoa, e pronto sentinme respectado", explica.

Tanto foi o agarimo e respecto recibido, polo público e por outros colegas de profesión, que Daniel Minimalia preparaba a súa mudanza alén do Atlántico cando a covid-19 irrompeu no panorama internacional, "e paralizouno todo".

"Aínda que é verdade que durante estes últimos meses caeron moitos concertos, síntome un afortunado. Dentro das circunstancias, foime ben", recoñece, aínda que confesa divertido que, ao contrario que outros artistas, que atoparon no confinamento un filón moi potente para as súas composicións, non lle saíu "nada interesante".

PANDEMIA

Preguntado pola situación da industria pola pandemia de coronavirus, o compositor móstrase "esperanzado" e confía nesa "capacidade de adaptación da música, que non é un camiño de rosas xa en si" para saír adiante.

"Espero que a xente sexa consciente das oportunidades e unha vez pase todo isto, se lance en masa aos teatros e concertos", desexa.

"Teremos que adaptarnos e, se hai que tocar tres veces o mesmo día para cumprir a capacidade e que sexa seguro, pois farémolo", indica Minimalia. De momento, prepara concertos en 'streaming' para o seu público de Colombia e Arxentina, "xa que agora mesmo resulta imposible desprazarse, e menos facer algo fisicamente".

XIRA POR GALICIA

Se a covid-19 o permite, o guitarrista ourensán sairá de xira por España a partir de marzo e abril, na que, "por suposto", terá oco Galicia, por onde pasará en xuño ou xullo.

Ademais, e aproveitando as portas que, tal e como el mesmo recoñece, abriulle o Grammy latino, traballará en xiras e proxectos "máis ambiciosos", como o disco que espera sacar en febreiro de 2021 e no que haberá "colaboracións moi potentes".

Unhas oportunidades que o compositor galego aproveita "cos pés no chan" e "sen enormes grandilocuencias", cun estilo definido ata no seu pseudónimo artístico Minimalia, como referencia á pureza e sinxeleza que defende o minimalismo e que o guitarrista seguirá buscando e transmitindo coa súa música.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta