Emigración alerta da "complicada" situación dos centros galegos no exterior pola pandemia

A Xunta reforzará as axudas para as 110 comunidades no exterior, ás que se suman 46 centros colaboradores e outros 23 de estudo.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 31/01/2021 | Actualizada ás 13:11

Comparte esta noticia

A Secretaría Xeral de Emigración recoñece que a situación xerada pola pandemia nos centros galegos no exterior é "complicada" e avanza que se reforzarán as axudas. Nestes momentos, hai 110 comunidades galegas no mundo, ás que se suman 46 centros colaboradores e outros 23 de estudo.

Alberto Núñez Feijóo, acompañado polo Secretario Xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, nun acto coa colectividade do Centro Galego De Montevideo (Uruguai)
Alberto Núñez Feijóo, acompañado polo Secretario Xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, nun acto coa colectividade do Centro Galego De Montevideo (Uruguai) | Fonte: Xunta de Galicia.

"A maioría das entidades están a pasar momentos difíciles, moitas delas, especialmente en América, non volveron abrir as súas portas para os asociados desde marzo do ano pasado", explicaron desde a Secretaría Xeral de Emigración.

Esta situación, engaden, "supón non poder realizar moitas das actividades que achegaban fondos para manter a súa existencia: cursos, actos culturais, restauración...", citan como exemplos. No caso de Europa, precisan que si puideron abrir as súas portas durante un tempo e con actividades "moi limitadas". "Pero tamén están a pasar situacións complicadas".

Respecto da pandemia, inciden en que xa o ano pasado "reforzouse o apoio habitual da Xunta" cun aumento do 50%, indican, da dotación para o funcionamento destes centros. "Para que puidesen contar cos recursos necesarios para subsistir". E para este ano avanzan que "moitas destas partidas volverán duplicarse co mesmo fin".

Neste sentido, o venres o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicaba a resolución pola que se regulan e convócanse as subvencións do programa de axudas económicas individuais para persoas residentes no exterior para este ano.

COMUNIDADES GALEGAS

Nestes momentos, hai 110 comunidades galegas no mundo, ás que se suman 46 centros colaboradores e 23 centros de estudo, de acordo coas tres tipoloxías de entidades que establece a Lei de Galeguidade, apuntan desde a Secretaría Xeral. Ademais, poden existir, segundo a mesma, federacións de asociacións e redes sociais.

Trátase dunhas cifras moito menores "que hai 20 anos", recoñecen deste departamento, que o atribúen aos cambios demográficos, cuestións sociais e o retorno dos galegos do exterior. De feito, recentemente o Diario Oficial de Galicia (DOG) recollía a revogación das condicións de comunidade galega a dúas delas, unha en Alemaña e outra en Bélxica, "por presentar inactividade durante máis de dous anos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta