A construción busca man de obra cualificada en Galicia

A Fundación Laboral de la Construción indica que é o sector da economía galega que mellor resiste a crise provocada pola covid-19. Necesitará entre 5.300 e 9.150 traballadores en Galicia en 2021.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 01/02/2021 | Actualizada ás 15:14

Comparte esta noticia

A construción, o sector da economía galega que mellor resistiu a crise provocada pola covid-19 --no que menos caeu a actividade, un 11,21% menos que a media--, necesitará entre 5.300 e 9.150 traballadores en Galicia en 2021. Así o detallou a Fundación Laboral de la Construción no seu último informe, elaborado a partir da Enquisa de Poboación Activa (EPA), cos datos do tres primeiros meses de 2020, e da Enquisa Trimestral de Custo Labora.

Alumnos da Fundación Laboral de la Construción.
Alumnos da Fundación Laboral de la Construción.

Con todo, matizou que este aumento da actividade podería "verse afectado pola falta de traballadores cualificados". Un problema, subliñou, que se acentúa no sector da rehabilitación, "motor da actividade hoxe en día", pero con "dificultades" para atopar man de obra cualificada.

Algúns dos perfís máis demandados, segundo especificou a Fundación Laboral de la Construción, son os albaneis, os carpinteiros, electricistas, fontaneiros, encofradores, pintores, operadores de maquinaria e montadores de estruturas metálicas, "que non se están repondo tras as xubilacións".

O SECTOR QUE MELLOR RESISTE A CRISE EN GALICIA

A organización sinalou que a industria da construción en Galicia está "nunha posición magnífica" para actuar "como dinamizadora e impulsora da economía e do mercado laboral galego". A este respecto, indicou que as horas efectivas traballadas no segundo trimestre de 2020 reducíronse "unicamente" nun 8,23%, un 12,75% inferior á media estatal.

Ademais, as horas efectivas totais do sector aumentaron en Galicia un 3,8% no terceiro trimestre de 2020, fronte ao descenso do 1,62% no resto do Estado.

A Fundación Laboral de la Construción indicou que "a boa evolución do sector a nivel estatal" vese reforzada polos datos da EPA para o cuarto trimestre de 2020, polos cales o número de ocupados "só se reduciu un 0,29% fronte á caída interanual de ocupados do 3,12% no resto de sectores da economía española".

Segundo datos desta mesma fonte, a construción en Galicia experimentou un crecemento interanual do 1,34% fronte á caída do 1,28% no resto de sectores, "só superado pola agricultura".

O sector, sinalou a Fundación, aumentou un 2% a súa actividade no terceiro trimestre de 2020 respecto ao mesmo período do ano anterior.

A pesar do "comportamento moi positivo" do sector durante a crise sanitaria, a Fundación ve "con preocupación" a caída de visados -de ata un 21%--, "que pode derivar nunha peor evolución con respecto á construción de vivenda nova".

É por este motivo que a asociación ve "esencial" destinar os fondos europeos para a recuperación á renovación do parque de vivendas existente e manter "ou incrementar" o investimento en obra pública "para seguir xerando actividade económica e novos postos de traballo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta