A importancia da prevención

O mellor cárcere, o que mellor funciona, é aquel no que non nunca se entra, debido a que a sociedade actúa previamente na educación, sanidade, cohesión social, axuda familiar, solución adecuada de conflitos nos hábitat de cada grupo social. Cando se traballa adecuadamente na erradicación das diversas pobrezas, da violencia, da violación, dos desordes socias como poden seren as desestructuracións persoais, familiares, grupais, sociais, etc. Iso chámase prevención.

Por Xaquin Campo Freire | Ferrol | 26/07/2013

Comparte esta noticia
 “As penas privativas de liberdade e as medidas de seguridade estarán encamiñadas cara a reeducación e reinserción social e non poderán consistir en traballos forzados. (...) (Constitución Española. art. 25, § 2).
 
Rehabilitar. Reinserir (reinsertar). Resociabilizar. A resociabilización, a rehabilitación, como indica o prefixo reduplicativo re-, supón que previamente houbo unha sociabilización e unha habilitación adecuada, axeitada e personalizada. Iso é cometido da sociedade, de todos e cada un de nós.  
O cárcere é un lugar de condena. Non é un centro pedagóxico. Os funcionarios fan o que poden. Conseguen que os reclusos se adapten ao cárcere e non vivan nun inferno. Mas para o resto da sociedade aquilo é un almacén de residuos contaminados que nin queremos reciclar. Do cárcere non queremos nin que nos falen. E dos presos?
 
De verdade que na sociedade que formamos pasaríamos a ITV desta nosa elemental responsabilidade? “Vale máis previr e prever, do que laiarnos e lamentar. 
 
Esta é a mellor axuda que se pode organizar. A PREVENCIÓN. E por aquí pasa o primeiro exame de querermos aprobar ese artigo da Constitución: Que tipo de sociedade estamos a crear, animar e constituír?  Porque, aquí están os comezos de la fábrica del llanto y el telar de las lágrimas, que tan dramaticamente describiu Miguel Hernández.
 
O cárcere é para os pobres. Se consultamos calquera bibliografía axiña nolo mostrará. Se visitamos un centro penitenciario e indagamos na procedencia dos reclusos veremos que na súa orixe están as “villas miseria”, os grupos de “casas baratas”, os burgos dos diversos chabolismos, as “cidades sen lei”, como eles mesmos lles din, etc. 
 
Ou é que nas zonas dos ricos das cidades ou dos grandes hacendados non delinquen? “Aquí estamos los que robamos poco. Si robásemos mucho, tendríamos muy buenos abogados y todavía nos sobraría mucho para seguir viviendo bien”. Estámolo a ver nestes tempos. Incluso o cárcere non é igual para todos, por moito que digan que si.
 
Tamén hai un moi grande continxente de persoas con problemas psiquiátricos. E o cárcere non é o lugar adecuado para eles nin para o seu tratamento médico. Pero é o que lles ofrecemos desde a sociedade. É isto xusto e consonte coa dignidade humana? Nin que dicir ten como están e como saen de aquí. (Se chegan a saír). Moitos deles terán SIDA, serán consecuencia das drogas, (enfermos ao fin), onde se lle agrava o seu problema cada día que pasa. 
 
Tamén aí está toda a inmigración clandestina, que buscan vivir e chegan indocumentados. O Papa acaba de denunciar isto na visita á illa de Lampedusa. A situación dos CIEX é moito peor do que a dos cárceres, cando o único delito foi entrar en España ilegalmente. Preguntémonos: E iso merece eses confinamentos, amoreados e amontoados, neses “centros de internamento para extranxeiros” sen normas, nin posibilidades de defensa, sen recursos nin humanos nin xurídicos? Por que o teñen todo tan caladiño? Pouca xente sabe disto. Tanto que ao Cardeal Rouco preguntáronlle, hai uns días, se non debía facer algo parecido ao Papa polos nosos CIEX e denunciar evanxelicamente esas inxustizas. Respondeu que non sabía que pasase nada nas illas Cies de Pontevedra. Un pastor da Igrexa Española debería estar ao tanto desta angustia humana de tantos pobres aí recluídos, xa  por anos,  e facer algo a prol deles.  Iso indica tamén o secretismo no que se desenvolve toda esta situación de inxustiza colectiva que tamén é cousa e causa de todos nós. Son seres humanos sen recoñecérenselles os dereitos humanos. Xa sei que non é igual que Guantánamo, como me refungou alguén. Pero hai similitudes abondo que están aí e esas non se poden negar.
 
Coa que está a caer coas supresións na sanidade, na educación, nos servizos sociais básicos, non estamos enchendo os cárceres xa a prazo de inmediato? E quen son neste caso os causantes da delincuencia? Poderiamos pór nomes? De verdade que a prevención é unha preocupación social nestes intres? Preferimos a represión pura e dura que non salva a ninguén e si causa desgrazas que logo xa non terán rehabilitación. Cadea perpetua revisábel (a peor), dixeron Trillo e Gallardón. E a sociedade dicimos: Moi ben. Como nos movemos cando se trata dun dos nosos: corremos, desculpamos, salvamos. E facemos ben. Pois,  daquela, “coma un irmán che falo”. Por que  non empezamos, coma na medicina, por unha boa loita seria, integral e integrada das accións preventivas?”.
 
Da resociabilización e da rehabilitación falaremos proximamente.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xaquin Campo Freire Nado en San Xiao de Roca-Guitiriz, Lugo, en 1937. Licenciado en Teoloxía Pastoral Sanitaria por Roma. ATS-DUE. Experto Universitario en Enfermaría Comunitaria e tamén en Urxencias e Coidados Itensivos. Diplomado en Coidados Paliativos. Traballou de enfermeiro no Hospital Marcide de Ferrol e no PAC de Fene. Foi capelán da Residencia de Anciáns de Piñeiros-Narón. Na actualidade é director do Centro de Acompañamento e Relación de Axuda e Director da Escola de Saúde e Centro de Escoita Activa “Mons. Araúxo”. Membro das Sociedades Española e Galega de Xeriatría, do consello de redacción da Revista “Encrucillada", da Asociación de Escritores en Lingua Galega e participou con ponencias en diversos Congresos. Ten escrito numerosos artigos relacionados coa saúde. Leva varios anos exercendo un voluntariado no Cárcer de Teixeiro (A Coruña). Ten dous libros escritos. 1) A viuvez na Pastoral da Saúde. Un estudo sobre da viuvez na Galiza. 2) Ese que está no cárcer é meu irmán. Sobre a vida dos nosos reclusos e as súas familias, sen esquecer o problema das vítimas.