Feijóo volverá falar da xestión da terceira onda e os fondos europeos no Parlamento

Tamén comparecerá Francisco Conde para dar conta das previsións do seu departamento.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/02/2021 | Actualizada ás 13:07

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, responderá na sesión de control do próximo pleno da Cámara galega a preguntas da oposición sobre a xestión da terceira onda da covid-19 e dos fondos europeos Next Generation.

Así o sinalaron os grupos parlamentarios tras a reunión da Xunta de Portavoces celebrada este martes no Pazo do Hórreo, na que se marcou a orde do día do pleno que terá lugar os días 9 e 10 de febreiro. A sesión incluirá a comparecencia do vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, quen debullará as previsións do seu departamento.

Reunión da Xunta de Portavoces do Parlamento de Galicia o 17 de novembro de 2020
Reunión da Xunta de Portavoces do Parlamento de Galicia o 17 de novembro de 2020 | Fonte: Europa Press

Na rolda de prensa posterior ao encuetro, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, explicou que o pleno debaterá a aprobación definitiva dos proxectos de lei de residuos e chans contaminados, e de museos.

FONDOS EUROPEOS

Pola súa banda, tal e como detallou a viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, o seu grupo centrará a pregunta ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na xestión dos fondos europeos Next Generation.

A nacionalista criticou que Feijóo non aproveitase a súa reunión con Pedro Sánchez para reclamar a xestión directa destes fondos senón que "aceptase a estratexia centralista do Goberno, que reserva para si toda a capacidade de decisión" sobre este diñeiro procedente de Europa.

XESTIÓN DA TERCEIRA ONDA

Precisamente, as medidas postas en marcha polo Goberno galego para frear os contaxios da terceira onda da covid-19 centrarán a pregunta que o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, formulará ao máximo mandatario autonómico na sesión de control.

Diso informou o viceportavoz socialista Pablo Arangüena, quen rexeitou que Feijóo "bote a culpa" da situación ao Goberno central, á cidadanía e "mesmo a Portugal" cando "el foi o máximo defensor de non parar a economía" e "permitir celebracións amplas" en Nadal. "Non lle botamos a culpa a Núñez Feijóo, pero pedímoslle que sexa responsable, que recoñeza os seus erros e que deixe de buscar culpas alleas", manifestou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta