Denuncian que a "falta de transparencia" da Xunta podería deixar aos gandeiros galegos sen axudas

O SLG denuncia as "dificultades" para comprobar o estado das subvencións, máis tendo en conta os problemas dos medios telemáticos do rural. "Pode provocar casos nos que se perdan estas importantes subvencións", explican.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/02/2021 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Nova vaga de críticas á xestión da Consellería de Medio Rural no tocante ás axudas ao agro galego. Logo de destacar que a Xunta podería deixar de convocar os apoios "máis importantes" para o sector primario de Galicia, o Sindicato Labrego Galego (SLG) vén de cargar contra a administración Feijóo pola "opacidade" das derradeiras subvencións concedidas, circunstancia que, apuntan "pode provocar que existan casos nos que se perdan estas importantes subvencións".

Vacas da raza Frisoa.. DIP PALENCIA - Arquivo
Vacas da raza Frisoa.. DIP PALENCIA - Arquivo

Os apoios en concreto aos que fan referencia dende o SLG gardan relación coa resolución das solicitudes de axuda de pagamento a zonas con limitacións naturais e zonas desfavorecidas, que foron solicitadas na PAC do ano 2020. O problema é que, de acordo co SLG, o documento publicado por Medio Rural "tan só fai referencia a que se resolveron as solicitudes das axudas", xa que non expón "dun xeito claro" que persoas "son beneficiarias das mesmas e a quen lles foron denegadas".

De acordo coa versión dos sindicatos, a Xunta remite a un enlace á páxina web do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA) onde as persoas beneficiarias, "non sen poucos atrancos", poden ver o estado da súa solicitude. Para o SLG, esta " falta de transparencia por parte da Consellería de Medio Rural" pon en maiores dificultades ao agro galego, en particular polo mal funcionamento que acostuman a ter os medios telemáticos no rural, unha problemática visibilizada nos últimos meses a raíz das aulas online.

PIDEN UN CAMBIO NO SISTEMA

"As dificultades que para moitas persoas pode ter comprobar o estado da súa solicitude, a través de medios telemáticos no rural, pode provocar que existan casos nos que se perdan estas importantes subvencións para as granxas", explican dende o SLG, que denuncian a falta dunha "posibilidade real de facer a comprobación", de xeito que podería pasar o prazo para "reclamar ou a posibilidade de solucionar calquera problema existente no proceso administrativo". Por todo isto piden un cambio no sistema de concesións con vistas a unha maior transparencia e facilidade de emprego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta