O novo plan de rescate a hostaleiros e autónomos contará cunha liña específica para outros sectores pechados

A Xunta termina a rolda de contactos para pechar as axudas con sindicatos e CEG, que avala a orde e reclama "máxima coordinación"

Por E.P. | Santiago de Compostela | 02/02/2021 | Actualizada ás 18:13

Comparte esta noticia

O novo plan de rescate a hostaleiros e autónomos para facer fronte á crise da covid contará cunha liña específica de axudas para outros sectores que tamén deben permanecer pechados por mor das restricións sanitarias. Entre outros, serán destinatarios desta nova liña de axudas os negocios de lecer infantil, ximnasios e actividades de feira. En total, o plan está dotado de 75 millóns de euros.

Aínda que estes negocios xa puideron optar ás axudas do primeiro plan, non dispuñan dunha liña específica. Así as cousas, o segundo plan vólvese a dirixir a microempresas e autónomos e ten a maiores dúas liñas específicas: unha para hostalaría (que xa había no primeiro) e outra para outros negocios pechados polas restricións.

As axudas de todas estas liñas son compatibles entre si, segundo fontes da Consellería de Emprego consultadas por Europa Press nunha xornada en que a Xunta terminou coa patronal galega, UGT e CC.OO. a rolda de contactos para pechar este segundo plan de rescate. Este mércores comezará a tramitación administrativa "coa máxima prioridade posible", reitera o departamento.

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, reúnese coa mesa do diálogo social. CONCHI PAZ
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, reúnese coa mesa do diálogo social. CONCHI PAZ | Fonte: Europa Press

MÁIS NOVIDADES

Outra das novidades ten que ver co importe das contías, que será maior en función das porcentaxes de perda acreditados polos solicitantes. Os autónomos, ademais, non terán que acreditar ser beneficiarios de prestación por cesamento de actividade e tampouco se lles esixirá ás microempresas ter activo ou pasar por un ERTE para optar ao diñeiro.

Por parte da confederación de empresarios de Galicia (CEG) acudiu ao encontro o seu novo presidente, Juan Vieites, quen mostrou o seu aval ao plan pero insistiu na petición de "máxima coordinación" entre administracións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta