Un modelo matemático deseñado en Galicia previu os "resultados catastróficos" da terceira onda

Científicos da USC, UVigo e Universidade de Aveiro acaban de publicar un estudo aplicado con éxito na análise da pandemia para os casos de Galicia, España, Portugal e Europa.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 02/02/2021 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

Investigadores da USC, UVigo e da Universidade de Aveiro acaban de deseñar un novo modelo matemático fraccionario compartimental para estimar a propagación da COVID-19. O modelo xa foi aplicado con éxito na análise da evolución da pandemia para os casos de Galicia, España, Portugal e Europa e os resultados obtidos, comentan os responsables do traballo, “permiten conxecturar como é a evolución das novas mutacións distintas á que comezou inicialmente en China”.

Micrografía electrónica de transmisión de partículas do virus SARS-CoV-2, illada dun paciente e con realce da cor, do Instituto estadounidense de Alerxia e Enfermidades Infecciosas (NIAID), en Hamilton
Micrografía electrónica de transmisión de partículas do virus SARS-CoV-2, illada dun paciente e con realce da cor, do Instituto estadounidense de Alerxia e Enfermidades Infecciosas (NIAID), en Hamilton | Fonte: Montana (Estados Unidos de América). NIAID - Arquivo

Así, a ferramenta permitiu adiantar ao 27 de decembro como sería a evolución dos datos a tenor do impacto da mutación británica do coronavirus. Cando comezaron a aparecer os primeiros datos sobre a taxa de infectividade da mutación británica, os científicos desenvolveron unhas primeiras simulacións que deron, apunta o catedrático de Análise Matemática da USC e un dos asinantes do artigo, Juan José Nieto, “resultados catastróficos”. A clave desta nova metodoloxía, subliña Nieto, é que “permite incorporar a historia de todo o proceso, o denominado efecto memoria”.

O modelo que acaba de difundirse a través da revista Chaos, Solitons & Fractals nun artigo titulado Fractional model of covid-19 applied to Galicia, Spain and Portugal, está asinado, alén de polo profesor Nieto, por Iván Area e Faïçal Ndaïrou da UVigo; así como por Delfim F.M. Torres e Cristiana J. Silva, da Universidade de Aveiro.

Baseándose nun modelo matemático anterior deseñado polos membros do equipo participante e que incluía como novidade ter presentes ás persoas denominadas superpropagadoras, os científicos decidiron formular este novo modelo fraccionario e analizar se os resultados eran acaídos para Galicia, Portugal e España.  Os resultados das simulacións, destacan os autores do traballo, “resultaron moi axustados á realidade nos tres casos”.

VARIANTE BRITÁNICA

A finais do ano pasado, os investigadores procederon a desenvolver simulacións aplicando este modelo matemático fraccionario compartimental para estimar a propagación da variante británica do virus. “Co 56% máis de infectividade a curva subía moitísimo máis e moitísimo máis rápido, e xa nos permitiu anticipar que habería problemas nos hospitais”, sinalan os autores que dende o primeiro intre puxeron esta información en coñecemento da Comisión Europea.

“Neste traballo demostramos a importancia de considerar un sistema de ecuacións diferenciais fraccionarias, onde a orde da derivada xoga un papel crucial para axustarse ao número de casos confirmados en Galicia, España e Portugal”, comentan os matemáticos no artigo publicado. Así, subliñan, “podemos concluír que o novo modelo pódese utilizar para aproximar os casos confirmados de covid-19 en rexións con diferentes características económicas, xeográficas, sociais e epidémicas, como ocorre coas tres rexións consideradas neste traballo”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta