A Xunta, de prometer auditorías en "todas" as residencias a deixar máis de 400 centros sen control

O 27 de novembro, Política Social anunciou que vixiaría "cada 15 días" o estado de "todas" as residencias galegas. O DOG revela que, en realidade, hai varios centros de maiores e discapacitados sen unha soa visita programada para 2021. A CIG acusa á conselleira de "deixación de funcións".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/02/2021 | Actualizada ás 13:35

Comparte esta noticia

A polémica das residencias persegue a Xunta de Galicia. A piques de se cumprir un ano da enorme mortalidade rexistrada na primeira vaga da pandemia, a Consellería de Política Social segue a recibir ataques por mor da súa xestión dos centros públicos --e tamén privados-- da Comunidade galego. O último golpe chega da man da CIG, que acusa á conselleira Fabiola García de incumprir as promesas de control realizadas en plena pandemia.

Residencia de San Cibrao
Residencia de San Cibrao | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

Dende o sindicato recordan que, a finais de novembro do ano pasado, García anunciou que a Xunta desenvolvería auditorías "cada 15 días" en "todas" as residencias de maiores de Galicia. O problema é que o DOG vén de publicar o plan de inspección de servizos sociais da Xunta, un documento que revela que a Xunta "deixará sen inspeccionar o 25% das residencias de maiores" e "máis do 60% dos centros de días e de persoas con discapacidade", apuntan dende a CIG.

Ante estas circunstancias, o sindicato carga con dureza contra a xestión da conselleira, á que acusan de "deixación de funcións" por unha falta de control que, explicar, incidirá sobre 97 centros de maiores e 154 centros de día, á parte de 68 centros para persoas con discapacidade e 102 centros de atención diurna para estas mesmas persoas. En total, máis de 400 centros sen unha soa visita programada para 2021. "Do dito ao feito vai un treito", ironizan ao respecto dende o sindicato. 

"DEIXADEZ DE FUNCIÓNS"

A problemática fundamental deste "desamparo" que denuncia a CIG tería que ver coas moitas deficiencias advertidas nos meses pasados en residencias de todo o territorio galego. "A falta de persoal, o non cumprimento dos ratios de persoal e a sobreocupación son carencias detectadas unha e outra vez polas inspeccións da Xunta", destacan dende o sindicato, que aluden incluso ás clausuras de varios centros "incumpridores".

Para o sindicato, a "deixadez de funcións" que afean á conselleira vese revestida de particular gravidade polos problemas que segue a provocar a pandemia, neste momento no seu punto máis álxido. "Cuns datos nesta terceira oleada que superan o de mortos e contaxiados da primeira ola nestes centros, é resposabilidade de Politica Social comprobar que se cumplen os protocolos de seguridade", subliñan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta