O ecoloxismo galego exporta a loita contra as renovables "sen planificación" ao resto do Estado

A plataforma Aliente contará con 80 organizacións e voces expertas que pedirán cambiar o modelo de implantación de enerxías renovables. O ecoloxismo galego leva meses mobilizándose contra a implantación masiva de eólicos no país.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/02/2021 | Actualizada ás 21:15

Comparte esta noticia

A loita contra o modelo de enerxías renovables sostido no Estado español segue gañando forza. As denuncias sostidas nos últimos meses contra a política da Xunta no tocante á implantación dos eólicos veñen de ir un paso máis alá para xuntar azos co resto de plataformas ambientalistas do Estado, que veñen de crear unha organización pensada para a "defensa da biodiversidade fronte ás renovábeis a grande escala".

Parque eólico de Greenalia. GREENALIA
Parque eólico de Greenalia. GREENALIA

A plataforma en cuestión recibe o nome de Alianza Energía y Territorio (Aliente) e conta xa co apoio de Adega, que vén de se integrar neste conglomerado estatal que pugna por un modelo de renovables máis sostible e respectuoso co medio. Este toque de atención ao goberno central e a súa transición ecolóxica chega, así, despois de meses de encendida loita en Galicia contra a implantación de eólicos no territorio, moitos deles ao carón de zonas protexidas.

A plataforma está conformada, á súa vez, por 80 organizacións que loitarán contra o desenvolvemento "masivo, sobredimensionado, sen planificar nin avaliar" de instalacións renovables "a grande escala". Critican, neste aspecto, a "ausencia de políticas efectivas de aforro e eficiencia da enerxía", unha problemática que, aseguran, está a supoñer "un grave risco con consecuencias irreversíbeis para a conservación da biodiversidade e a paisaxe do noso territorio", ademais de "comprometer os servizos que a biodiversidade nos brinda, entre eles a protección da saúde".

APOIO CIENTÍFICO

Estas teses sostida por Aliente contarán co "sólido apoio de investigadoras e investigadores expertos en biodiversidade" que avogan por "realizar unha adecuada planificación" na enerxía renovable, instalando áreas de exclusión para evitar que eólicos e demais instalacións cheguen a zonas de especial interese e protección. Trataríase, pois, de "apostar por un modelo distribuído como alternativa á ameaza que supón o actual modelo de Transición Enerxética".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta