O presidente da patronal pide a Feijóo reducir a presión fiscal e poñer o foco nos fondos europeos

Identificar proxectos no marco dos recursos que chegarán de Europa e as novas fórmulas de colaboración público-privada, sobre a mesa.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/02/2021 | Actualizada ás 17:18

Comparte esta noticia

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, trasladou ao titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a necesidade de impulsar un plan de recuperación económica co foco nos fondos europeos, entre outras cuestións, ademais de reivindicar a necesidade de tomar medidas como un modelo que "reduza e simplifique" a fiscalidade para favorecer o investimento en Galicia.

No transcurso do primeiro encontro institucional entre ambos, despois de que Vieites fose elixido presidente da patronal galega o pasado día 21 de xaneiro, o presidente da patronal entregou un documento con esta proposta de plan de recuperación ao presidente autonómico. Ambos coincidiron na necesidade de aproveitar ao máximo os recursos que, por mor da pandemia, chegarán de Europa.

Feijóo, á súa vez, segundo informou a Xunta nun comunicado, situou como retos clave para Galicia a reactivación económica, así como a transición ecolóxica e dixital, ademais de garantir que o seu Executivo "seguirá apoiando ao tecido empresarial galego, impulsado a transformación económica e industrial".

Nesta liña, lembrou que, desde o principio da pandemia, o Executivo autonómico puxo en marcha o plan de reactivación económica, cunha mobilización de máis de 3.000 millóns de euros para apoiar ao tecido produtivo, con medidas como a liña de avais covid, para dotar de liquidez ás pemes e autónomos, con preto de 2.700 préstamos; cun investimento de 31 millóns para impulsar a dixitalización; ou coa ampliación de crédito do segundo plan de rescate para autónomos, microempresas e hostalaría, achegando máis de 160 millóns de euros entre as dúas convocatorias, entre outras.

Feijóo reivindicou a importancia de seguir traballando desde a cooperación e a busca do consenso entre os axentes económicos e sociais e a Administración galega a través da mesa do diálogo social.

NOVA RIS3 E FONDOS EUROPEOS

E ao tempo, ratificou que a Xunta está a traballar xa no deseño da nova RIS3 2021-2027, "moito máis ambiciosa e co obxectivo de reformular as prioridades" para adecualas ás novas necesidades derivadas da crise económica e sanitaria provocadas pola pandemia. Do mesmo xeito que na etapa anterior, Feijóo trasladou ao novo presidente da CEG a importancia de que no seu deseño participe todo o ecosistema innovador galego, empresas, centros de coñecemento, e administración pública, entre outros.

Tamén fixo fincapé na oportunidade que supoñen os fondos europeos, estruturais e Next Generation. De feito, convidou aos empresarios a participar no deseño de novas fórmulas de colaboración público-privadas e na identificación de proxectos, tanto vinculados cos Next Generation como no marco dos fondos de cohesión 2021-2027.

Pola súa banda, a CEG informou de que está a disposición para "participar e achegar as necesidades que as empresas transmitan", tanto en relación cos fondos destinados a nivel estatal como para os que sexan a nivel autonómico. Ademais, quere contribuír á identificación e definición de proxectos financiables con fondos da UE.

REINDUSTRIALIZACIÓN

Por outra banda, segundo informou a CEG, un dos puntos claves do seu plan de recuperación é a "aposta pola reindustrialización" de Galicia. A patronal ve necesaria "unha planificación estratéxica" que aborde o desenvolvemento industrial, os retos da descarbonización, a dixitalización, o envellecemento activo e o incremento da produtividade que achegue o peso da industria no PIB á contorna do 20%.

Os empresarios defenden que as áreas afectadas polo peche das centrais térmicas necesitan do deseño e posta en marcha no menor tempo posible de plans de reconversión, favorecendo a súa viabilidade e alcanzando o reto de crear emprego "verde". Igualmente, subliñaron que Galicia "debe ofrecer condicións idóneas para a atracción de investimentos produtivos e o desenvolvemento de novos proxectos empresariais e industriais".

INICIATIVA PRIVADA, DIXITALIZACIÓN E AVANCES TECNOLÓXICOS

Doutra banda, a patronal reivindica que a iniciativa privada "debe gañar peso como receptora do financiamento" da Unión Europea e incorporarse en maior medida aos esquemas da colaboración público-privada. Igualmente, pide que tanto o investimento das empresas como a formación do persoal sexan "obxecto de apoio económico e financeiro" por parte da Administración, como "pancas de cambio cara a unha nova revolución industrial". Tamén reivindican a aposta por dixitalizar o rural.

A CEG propón "unha maior cooperación" das organizacións empresariais cos diferentes departamentos da administración galega no seguimento das políticas comunitarias a través das Conferencias Sectoriais correspondentes e directamente ante as institucións da UE "cando sexa posible". Finalmente, a patronal galega aposta por "un modelo que reduza e simplifique a fiscalidade, tanto en número de tributos como en presión, e tanto a cidadáns como a empresas".

Feijóo e Vieites manteñen unha reunión. Xunta de Galicia
Feijóo e Vieites manteñen unha reunión. Xunta de Galicia | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta