O PP apoia a folga xeral en Ferrolterra e culpa o PSOE da crise industrial

O paro realizarase o 10 de marzo.

Por Europa Press / Redacción | Ferrol | 04/02/2021 | Actualizada ás 17:07

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que "o PSOE está a condenar o futuro de Ferrolterra e de toda Galicia" e "está a lograr, por acción e por omisión, que se destrúan miles de empregos" no norte da provincia da Coruña. Por iso, manifestou que "o Partido Popular de Galicia apoiará a folga xeral da comarca de Ferrol convocada para o próximo 10 de marzo".

Miguel Tellado (centro), con Diego Calvo (esquerda) e José Manuel Rey Varela, en Ferrol
Miguel Tellado (centro), con Diego Calvo (esquerda) e José Manuel Rey Varela, en Ferrol | Fonte: PPdeG.

Estas manifestacións realizounas Tellado na sede do PP de Ferrol, onde compareceu acompañado do presidente provincial do partido, Diego Calvo, e do presidente da agrupación nesta cidade, José Manuel Rey Varela.

Tellado tamén tivo palabras para o líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, ao que acusou de acudir á cidade naval "só a sacarse fotos, pero xamais o escoitardes demandar solucións que necesitamos ao Goberno de España".

Así mesmo, detallou que o Goberno que preside Pedro Sánchez abocou "a Ferrol a unha situación de emerxencia social e económica mediante unha política enerxética errática e contraditoria", en alusión á situación da central térmica de Endesa nas Pontes, "cunha total falta de planificación e proxección industrial e tomando decisións que, conscientemente, están a favorecer a outras zonas de España en detrimento da nosa comarca", en relación á falta de carga de traballo no estaleiro de Navantia que contrasta coa ocupación dos centros produtivos da Baía de Cádiz.

"O PSOE abandonou o naval de Ferrol, atrasando ata 2022 a construción das F-110 e cando demandamos un novo buque primeiro dixeron que non facía falla e pouco despois encargaron a súa construción aos estaleiros de Cádiz", detallou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta