Científicos galegos sinalan os "supercontaxiadores" e 'Salvar o Nadal' como "motores" da terceira onda de covid-19

"Responsabilizar a unha cepa do caos que se vive é unha enorme simplificación do algoritmo da pandemia", critican.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/02/2021 | Actualizada ás 17:43

Comparte esta noticia

Científicos da Universidade de Santiago de Compostela (USC) vincularon a terceira onda da pandemia con casos positivos cunha maior capacidade de transmisión da COVID-19, coñecidos como "supercontaxiadores", e o levantamento de restricións durante o período do Nadal.

Antonio Salas e Federico Martinón, profesores da Universidade de Santiago
Antonio Salas e Federico Martinón, profesores da Universidade de Santiago | Fonte: USC.

Tras analizar máis de 166.000 xenomas completos do coronavirus, un traballo recollido pola revista 'Science', os profesores Antonio Salas e Federico Martinón resaltaron que os "supercontaxiadores" exercen como "catalizadores perfectos" e concluíron que "responsabilizar a unha cepa do caos que se vive é unha enorme simplificación do algoritmo da pandemia".

Neste sentido, remarcaron que os "supercontaxiadores" --un rol que poden exercer positivos de acordo coa fortaleza do seu sistema inmunolóxico ou o número de persoas coas que están en contacto diariamente-- seguen representando o "motor" da crise sanitaria. De feito, apuntaron que poden orixinar grandes gromos independentemente da variante predominante do SARS-CoV-2.

O grupo de investigación que lideran Salas e Martinón explorou o modelo de supercontaxio nunha base de datos máis ampla que a que utilizou nun traballo publicado en maio de 2020. Tras abordar centos de eventos ocorridos en distintas partes do mundo durante a crise sanitaria e analizar miles de xenomas do virus, o equipo confirmou que unha parte relevante da transmisión se debe ao supercontaxio.

Precisamente, o estudo reportou, entre outros, un de dous eventos de supercontaxio sucedidos en Boston durante a primeira onda e recolleitos pola revista 'Science'.

SEGUIMENTO DAS CEPAS

Así mesmo, o profesor Martinón sinalou a importancia de realizar un seguimento das cepas en circulación para identificar a necesidade de adoptar medidas preventivas e, se fose preciso, reorientar as vacinas dispoñibles ou en produción.

Neste sentido, os profesores incidiron en que a aparición de cepas novas é habitual noutros virus e recalcaron que o modelo de transmisión e o comportamento social "son dous potentes motores da pandemia".

De feito, Salas subliñou que un caso positivo que manteña as medidas de seguridade "prevén o contaxio, sexa portador ou non dunha variante ou outra", mentres que un  supercontaxiador pode converter unha mutación que xorde nun único individuo nunha "predominante".

Tamén explicou que a capacidade infecciosa dunha cepa estúdase "nun espazo xeográfico concreto" e compárase con outras que "circulan no mesmo contexto epidemiolóxico", pero non con todas as do mundo ou as que se extinguiron.

Así, o profesor considerou que "responsabilizar a unha cepa do caos" actual representa "unha maneira eficaz de xustificar o que a nivel social non se soubo controlar" e supón simplificar a evolución da pandemia. "Cos datos actuais, as chamadas novas cepas non estaban a circular en España ou eran moi minoritarias en decembro, polo que parece razoable pensar que 'salvemos o Nadal' puido ser o detonante desta terceira onda", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta