Análise da xestión sanitaria: está aprendendo algo Feijóo da pandemia da COVID?

A xestión da pandemia COVID en Galicia está mostrando moitas eivas segundo organizacións sindicais da sanidade. Os máis de dez anos de recortes e cambios de modelos en xestión puxeron á sanidade pública en situación de estrés. Isto tivo entre outras consecuencias, que mentres se tratan os doentes de coronavirus, non hai persoal nin material abondo para atender outras patoloxías non-COVID. Tomarían nota o PP e Feijóo sobre todo isto?

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 07/02/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A COVID entrou nun momento en que a privatización e precarización laboral na sanidade pública galega estaban máis que encarreiradas. Contratacións por días, horas ou semanas, externalización de servizos como limpeza, ambulancias, fornecemento de material e eliminación de plans para a mellora de atención primaria e de investigación, todo isto foi o panorama que debía facer fronte á pandemia. Un profesional da sanidade declarou que “o virus encontrou un sistema de saúde público en Galicia sen forza, desnutrido”. A tradución é que se o sistema non colapsou aínda polo menos está a pasar un test de estrés moi forte e non se sabe como pode acabar.

Mobilización de sanitarios de UCI do CHUS
Mobilización de sanitarios de UCI do CHUS | Fonte: cedida


A PRIVATIZACIÓN DEIXOU O SISTEMA SEN DEFENSAS

O proxecto de construción do Álvaro Cunqueiro de Vigo estivo paralizado dous anos. Pasado ese tempo, a Xunta de Galicia aprobra recrear na cidade olívica o mesmo sistema recreado en Madrid e Comunidade Valenciana: persoal público, xestión privada. O pasado 1 de febreiro Concello da Coruña e Xunta asinaban o acordo para o “Novo CHUAC” cunha xestión “100%” pública. “E o mesmo está pasando para o hospital Montecelo de Pontevedra, o diñeiro é público” din desde a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP).

A liña que pretendían continuar Feijóo e os seus gabinetes de privatizacións, externalizacións e apertura ás multinacionais médicas do mercado galego, fixo que o afán de lucro destas compañías deixase case inoperativo o sistema público. “No Cunqueiro ía haber dúas alas, unha para familiares de internos e outra para investigación, ningunha delas se construiu” sinala a AGDSP. “O proxecto de mellora da Atención Primaria quedou nun caixón cando Feijóo chegou á Xunta” denuncian desde UGT Sanidade. O incremento necesario de persoal para esta rama da saúde pública quedou en nada e máis adiante aplicóuselle as taxas de reposición que só cubrirían unha porcentaxe moi baixa do persoal necesario.

Temos un 18% de recorte nos orzamentos, un 30´6% de recorte en persoal, unha perda de 1.000 camas e unha eventualidade do 40%” enumera CCOO Sanidade. “Queremos ir á mesa sectorial e que dean os datos reais sobre número de camas e o espazo dispoñible” din de CIG Sanidade. “Os recortes indiciron nas prestacións sanitarias porque sobrecargaron aos e ás profesionais sanitarias” apunta CCOO. “O sistema de contratación eventual existiu sempre, mais non nas proporcións actuais” di a CIG. Ao final, o modelo público-privado que importou a Xunta de Feijóo, ensaiado en países da UE acabou sendo un saco sen fondo, o mesmo que os lugares onde fora aplicado con anterioridade.

Un sanitario da UCI do CHUS suxeita un dos EPIs en mal estado
Un sanitario da UCI do CHUS suxeita un dos EPIs en mal estado | Fonte: cedida

CONSECUENCIAS EN TEMPO DA PANDEMIA

Por poñer un exemplo, o material funxible, non é posible crear un stock de material sanitario? “O mantemento, a compra de material, a limpeza e outros elementos están externalizados ou privatizados” sinala CCOO. O obxectivo era aforrar diñeiro público mais o que se viu foi o beneficio privado e as políticas de redución de custes nas empresas contratadas. “Non había xeringas abondo para cada unha das doses que ten cada vial, por exemplo”.

As externalizacións teñen por interese o beneficio económico, a sanidade pública ten o interese nas persoas” di o sindicato PROSAGAP, que ademais remarca as friccións nacidas entre empresas privadas e o servizo público pois é moi difícil de controlar o correcto funcionamento dun sistema de saúde público mais con alto número de externalizacións. “Estamos indo por detrás da pandemia, segundo nos ataca así respondemos e isto pode levar á cuarta onda” alerta CCOO, que tamén avisa das farmacéuticas que “non fornecen de vacinas e así os índices de curación serán moi baixos”.

UGT insiste en que a contratación precaria deixou un baleiro enorme para a atención necesaria das persoas afectadas durante esta pandemia. “Onde foron todas esas persoas preparadas? Emigraron, buscaron oportunidades fóra”. Declaran que ademais o SERGAS recoñece a día de hoxe a falta de cobertura de prazas necesarias para facerlle fronte á COVID.

APRENDERÁ ALGO FEIJÓO?

“Non tomarán nota de nada porque agora mesmo hai 5.000 prazas por cubrir desde 2014, o diñeiro orzamentado por exemplo para Atención Primaria, non se sabe para onde vai” explica UGT. “É necesario o traballo estable dentro do SERGAS” para afrontar situacións como a que vivimos coa COVID. “En parte creo que algo aprenderon cando viron que o modelo de Vigo non funcionaba” di a AGDSP, “que era unha hipoteca a longo prazo”.

“Debera tomar conciencia de que o sistema público de sanidade necesita fortaleza e non mirar polo negocio da privada” analiza a CIG. “Deberan fomentar a investigación pública para termos vacinas públicas porque o sistema público nos iguala a todos”. Se a investigación tivese recibidos os apoios abondos, a situación podería ser distinta pensan desde as fontes consultadas. Tamén será necesaria a “pedagoxía sanitaria para que a poboación se mentalice” sinalan CCOO para que as persoas respecten as normas sanitarias, pensando sobre todo en que “hai outras patoloxías que están agora nun segundo plano por culpa da COVID”.

Aínda así CCOO ve obrigatorio o aumento dos cadros de persoal mesmo para “a atención telefónica directa doutras doenzas que non son COVID”, ademais de incrementar orzamentos destinando un 25% para Atención Primaria. “Non podemos deixar de mostrar as necesidades da sanidade en Galicia” din de PROSAGAP, “mais agora debemos ter a cabeza fría  para acabar con este virus”. A dureza desta pandemia vai deixar ver “as consecuencias” de máis dunha década de recortes na sanidade.

Ningunha das fontes consultadas fixo unha valoración a medio prazo sobre se a Xunta de Núñez Feijóo tomará nota do que está sucedendo, das consecuencias que trouxeron as súas políticas sanitarias e se freará o sangrado de profesionais. Cren que mentres o PPdeG siga no goberno autonómico pouco ou case nada cambiarán as cousas. Si caeron na conta no tema de finanzamento público-privado, mais non se sabe nada sobre investigación, aumentar os cadros de persoal en hospitais, centros de saúde e frear a derivación de doentes á sanidade privada.

Enviouse un email á Consellería de Sanidade cunha serie de cuestións relacionadas con esta reportaxe. Non houbo resposta ata o momento.

Feijóo no Parlamento.. Xunta de Galicia
Feijóo no Parlamento.. Xunta de Galicia
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Lad

Precarizar e privatizar, a fórmula de xestión de Feijóo apoiada propagandisticamente polos medios amigos que fagocitan as axudas públicas.