A OMS pide aos europeos "paciencia e comprensión" pola lentitude na vacinación e "solidariedade" cos países pobres

"Ningún país ou rexión debería ter acceso a máis (vacinas) das que necesita mentres outros países ou rexións non teñen subministracións", advirte.

Por Europa Press / Redacción | Bruxelas | 04/02/2021 | Actualizada ás 17:56

Comparte esta noticia

O director rexional para Europa da Organización Mundial da Saúde (OMS), Hans Kluge, afirmou este xoves que entende a "frustración" pola lenta subministración de vacinas contra a covid-19 nestas primeiras semanas da campaña, pero pediu "paciencia e comprensión" mentres se aumentan as capacidades de produción, así como "solidariedade" para que tamén sexan repartidas nos países máis pobres. Así se expresou durante a súa intervención ante o pleno do Comité Europeo das Rexións, no que interveu durante un debate sobre a vacinación na UE.

Primeira vacinada na área de Pontevedra
Primeira vacinada na área de Pontevedra | Fonte: Xunta.

"Pido á xente de Europa paciencia e comprensión", salientou. "A frustración debido á subministración é comprensible. O aumento da produción tomará tempo e a clave é a solidariedade", engadiu.

Kluge afirmou que "ata que a produción colla velocidade é normal que haxa colisións entre a solidariedade internacional e a responsabilidade nacional", pero confiou en que "os atrasos" anunciados por algúns laboratorios "sexan compensados por novos produtos e aumentos da capacidade de produción".

"Ningún país ou rexión debería ter acceso a máis (vacinas) das que necesita mentres outros países ou rexións non teñen subministracións ou son limitados"; subliñou o responsable para Europa da OMS.

Por iso, defendeu, é "moi importante" explicar á poboación que o obxectivo actual da vacinación é protexer aos máis vulnerables e aos sanitarios, e non "eliminar ou erradicar" o virus.

"Explicar moi ben esta narrativa aos cidadáns é crucial", apuntou. Kluge lembrou que Europa é a segunda rexión do mundo máis afectada pola enfermidade, con máis dun terzo dos casos e as mortes globais.

Case corenta países do continente forneceron xa "preto de 30 millóns de doses" de vacinas contra a Covid-19.

"Hai razóns par á esperanza, pero aínda non estamos fóra de perigo", advertiu, para despois lembrar que as novas variantes entraron xa en 37 países europeos e 17 deles teñen casos da variante surafricana.

EVITAR A COMPETENCIA POLAS VACINAS

O director para Europa da OMS foi presentado polo presidente do Comité Europeo das Rexións, Apostolos Tzitzikostas, quen defendeu que "o esforzo común, a cohesión e a solidariedade" debe ser a guía da UE no proceso de vacinación.

"Debemos evitar a competencia polas vacinas entre os Estados membros e dentro dos Estados membros", recalcou o grego, quen chamou a evitar divisións dentro do bloque porque isto aumentaría as desigualdades e as dificultades en plena pandemia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta