A Xunta axilizará os trámites de grandes proxectos forestais e éolicos para captar fondos europeos

Creará unha sociedade que, baixo o liderado do sector privado, tratará de "impulsar" a configuración de proxectos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 04/02/2021 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

A Xunta anunciou este xoves novas propostas para o seu "Polo para a transformación de Galicia", unha iniciativa de colaboración público-privada que agrupa 8 proxectos de modernización industrial cos que optar aos fondos europeos. Isto supón axilizar os trámites administrativos para as grandes empresas, incluidos os de impacto ambiental.

“A Xunta de Galicia, xunto con 30 empresas e centros tecnolóxicos, presentamos proxectos no ámbito da transición ecolóxica, a loita contra o despoboamento e o reto demográfico”, dixo o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, na presentación deste proxecto. Unha destas grandes empresas é Reganosa. GC está á espera de recibir información por parte do Goberno galego do resto de empresas implicadas nesta nova iniciativa.

Parque eólico de Greenalia. GREENALIA
Parque eólico de Greenalia. GREENALIA

Feijóo lembrou ademais que o Parlamento está a tramitar a Lei de reactivación económica, -- coñecida como "lei de depredación de Galicia"-- que está previsto se aprobe a finais deste mes de febreiro. Esta norma é rexeitada pola oposicińo e entidades ecoloxistas e medioambientas de todo tipo ao considerar que se dá "vía libre" á destrución dos recursos paisaxisticos, medioambientais e patrimoniais de Galicia.

Tamén o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde, incidiu en que para desenvolver estas iniciativas Galicia tamén contará co marco normativo axeitado a través desta lei que "achegará simplificación administrativa e apoio ao investimento empresarial". Neste sentido, indicou que a lei recollerá que os proxectos tractores de Galicia elixidos polo Goberno para optar aos fondos europeos de recuperación poderán ver axilizada a súa tramitación.

4 PROXECTOS

Neste Polo, a Xunta inclúe 4 proxectos tractores: un centro para o impulso da economía circular co obxectivo de xestionar 2,6 millóns de toneladas de residuos ao ano; a xeración de hidróxeno verde; a produción de fibras téxtiles a partir de viscosa nunha planta con capacidade de 150.000-200.000 toneladas anuais; e o desenvolvemento de nova potencia renovable,é dicir, de novas plantas eólicas, con 1.000MW de potencia.

Isto implicaría a creación de cadeas loxísticas sustentables cun centro de investigación e innovación e a posta en marcha de laboratorios dixitais. Como novidade, a Xunta anunciou un  plan para a recuperación da terra agraria, coa posta en disposición de 18.000 hectáreas de terras abandonadas para o desenvolvemento de cultivos, principalmente,  cereais para fariña e liño orgánico para fibra téxtil.

O principal obxectivo da Xunta é captar fondos do Next Generation xa que os proxectos acadan un investimento público-privado de 3.000 millóns de euros, coa creación de 30.000 empregos —16.000 directos—.

“Isto é unha oportunidade de negocio, unha oportunidade medioambiental, unha oportunidade laboral e unha oportunidade social”, afirmou Feijóo, precisando que o Consello da Xunta acordou tamén crear un instrumento para xestionar os proxectos, un mecanismo público-privado para impulsalos e poñelos en marcha. “Formarán parte del aqueles socios aos que lles interese ser os titulares destes proxectos unha vez saian da esfera pública, entidades financeiras que serán chamadas a participar no capital e, por suposto, capital público”, abundou.

SOCIEDADE PARTICIPADA POLO SECTOR PRIVADO

Ademais de incluír estas últimas iniciativas na candidatura da Xunta aos fondos 'Next Generation', o Consello deste xoves tamén deu luz verde á creación dunha sociedade que, baixo o liderado do sector privado, tratará de "impulsar" a configuración de proxectos para optar a estas axudas extraordinarias procedentes de fondos comunitarios.

En palabras de Conde, este mecanismo persegue "unha xestión profesionalizada" para "dar maior velocidade" á "tracción" de proxectos, o seu desenvolvemento e a capación de socios industriais. Isto, continuou, verase reforzado coa Lei de reactivación, en trámite nestes momentos no Parlamento de Galicia e que a Xunta conta con ter en funcionamento a finais do mes de maio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta