As lesións na pel poden ser as “únicas manifestacións clínicas da covid-19” nalgúns infectados

Científicos de Galicia, México, República Dominicana, Arxentina, India e Polonia achegan novas evidencias sobre as lesións cutáneas causadas polo coronavirus.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 06/02/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

“Unha erupción febril ou mesmo unha erupción en estado afebril nas fases iniciais da enfermidade pode ser a única manifestación clínica da covid-19”. Así o afirma un grupo de científicos de Galicia, México, República Dominicana, Arxentina, India e Polonia, que vén de facer unha nova achega sobre as lesións cutáneas causadas polo coronavirus, cuxa rápida identificación pode axudar a un diagnóstico temperán da enfermidade causada polo SARS-CoV-2.

Paciente embarazada de 16 semanas diagnosticada de COVID-19, con manchas purpúreas escuras no xeonllo
Paciente embarazada de 16 semanas diagnosticada de COVID-19, con manchas purpúreas escuras no xeonllo | Fonte: Rodriguez-Cerdeira, C., Uribe-Camacho, B. I., Silverio-Carrasco, L., Méndez, W., Mahesh, A. R., Tejada, A., Beirana, A., et al. (2021). Cutaneous Manifestations in COVID-19: Report on 31 Cases from Five Countries. Biology, 10(1), 54. MDPI AG.

Os investigadores analizaron os casos de 31 pacientes de cinco países (Arxentina, República Dominicana, India, México e España) diagnosticados de covid-19 con múltiples lesións cutáneas. A idade media dos pacientes foi de 45,5 anos, cun rango de 3 meses a 81 anos. A maioría eran varóns (63,60 %).

As lesións detectadas foron clasificadas en sete grupos: manifestacións urticariais no 25,80 % dos casos analizados; pseudodfrieiras (22,60 %), erupcións maculopapulares (16,10 %) –tipo de  erupción cutánea caracterizada por unha zona vermella plana na pel que se cobre con pequenas protuberancias confluentes)–; livedo reticularis de tipo racemosa (12,90 %), petequias/púrpuras (6,50 %); isquemia e necrose (6,50 %) –casos máis graves, nos últimos estadios da enfermidade– e outras (9,70 %), que incluían pacientes cuxas lesións foron agravadas polo tratamento contra a Covid-19.

“As lesións eran de poucos milímetros e estaban ben definidas, coas localizacións máis frecuentes nas mans e nos pés, normalmente as superficies laterais e posteriores, as puntas dos dedos e nas plantas e talóns”, describen os autores do estudo,

Estas alteracións observáronse con máis frecuencia en pacientes novos paucisintomáticos (que sofren moi poucos e leves síntomas da covid-19) e producíronse normalmente varios días despois do inicio dos síntomas xerais da infección do coronavirus.

TRES CASOS DESTACADOS: UNHA EMBARAZADA E DOUS BEBÉS

Os investigadores resaltan a singularidade de tres casos: un, o dunha paciente do estudo embarazada de 16 semanas e, “polo que seguimos, o embarazo continuou co seu curso normal”, aportan; outro, o dun cativo dun ano que “se recuperou satisfactoriamente”, que presentaba lesións urticarias con afectación da mucosa, cos pais tamén contaxiados con covid-19, e no que se excluíu a síndrome inflamatoria multisistémica; por último, o caso dunha nena de tres meses que presentou unha erupción xeneralizada, con palmas e plantas afectadas, e con insuficiencia respiratoria e febre baixa ao nacer, polo que foi ingresada na unidade pediátrica de coidados intensivos do seu hospital de referencia, onde foi sometida a un seguimento cardiorrespiratorio, ventilación non invasiva e nutrición mediante sonda, e á que se lle diagnosticou síndrome inflamatoria multisistémica.

En base aos casos analizados, este grupo de científicos considera que os seus resultados “contribúen á evidencia emerxente de que as lesións cutáneas son unha das manifestacións clínicas importantes da covid-19” e “probablemente reflicten a activación de vías patóxenas polo virus ou unha resposta a procesos inflamatorios, complicacións vasculares ou sistémicas ou mesmo a tratamentos”.

Por todo isto, piden aos médicos clínicos que “se familiaricen coas manifestacións cutáneas da covid-19, xa que poden ser a única manifestación da enfermidade nalgúns casos” e o seu rápido recoñecemento “pode permitir o diagnóstico temperán ou orientar o prognostico e o tratamento” dos enfermos.

Os resultados publícanse na revista científica Biology e están asinados por investigadores do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur e de institucións dos demais países implicados neste estudo.

MÁIS EVIDENCIAS

A publicación deste estudo coincidiu no tempo coa doutro traballo, este dirixido por investigadores do Servizo de Anatomía Patolóxica do Hospital Universitario 12 de Octubre de Madrid, en colaboración con colegas do Hospital Clínico de Salamanca, no que se constatou tamén que as lesións na pel poden ser as primeiras manifestacións clínicas de infección por coronavirus.

Este traballo, publicado na revista científica The American Journal of Surgical Pathology, describiu a presenza de partículas da infección por SARS- CoV-2 na pel a través de microscopía electrónica e identificou cinco tipos de lesións na pel “susceptibles de ser as primeiras manifestacións asociadas á covid-19”, en 25 mostras en pacientes de 7 a 13 anos e de 28 a 83.

“Rexistráronse cinco tipos de manifestacións cutáneas diferentes, das que 11 foron lesións acroisquémicas ou frieiras, nove exantemas ou sarabullos, dous procesos de púrpura palpable, unha erupción tipo urticaria e dúas inespecíficas”, explicaron desde o Hospital Universitario 12 de Octubre de Madrid.

Nesta investigación tamén se identificaron as zonas nas que se producen as alteracións na pel. O que observaron é que a maioría destas lesións están lolizadas “en pés, extremidades inferiores e tronco, con algunha lesión illada nas mans” e que desaparecían sen tratamento “entre catro e dez semanas despois da súa aparición”.

Os datos de 990 casos de 39 países rexistrados nunha colaboración entre a Liga Internacional de Sociedades Dermatolóxicas e a Academia Americana de Dermatoloxía, mostraron unha duración media de 12 días para todos os síntomas dermatolóxicos, con algúns que duran ata máis de 150 días. É dicir, algúns pacientes de covid-19 poden sufrir síntomas cutáneos de longa duración, segundo se expuxo no 29º Congreso da Academia Europea de Dermatoloxía e  Venereoloxía.

Segundo os seus autores, trátase da análise do maior rexistro de pacientes de Covid-19 con síntomas dermatolóxicos, a cal revelou un subconxunto de pacientes, chamados “de longa duración”, que experimentan síntomas prolongados durante máis de 60 días na súa pel.

Os pacientes presentáronse cun amplo espectro de manifestacións dermatolóxicas que duraron diferentes períodos de tempo, entre elas a urticaria, que durou unha media de 5 días, e as frieiras, que duraron 15 días, pero ás veces ata 130-150 días, e as erupcións papuloescamosas (pápulas e placas escamosas), que persistiron durante 20 días.

Estes investigadores destacaron que “a pel pode proporcionar unha xanela visual á inflamación que pode estar a ocorrer noutras partes do corpo” por mor da Covid-19.

Volvendo ao estudo liderado no Hospital 12 de Outubro, tamén concluíron que “non existe unha correlación directa entre as lesións cutáneas e a gravidade do cadro respiratorio derivado da infección por covid-19”.

E ao igual que no estudo no que participaron os investigadores do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, subliñan que a detección precoz destas lesións cutáneas “pode alertar nalgúns casos da enfermidade por SARS-CoV-2 e evitar así a propagación do virus”.

Outro estudo multicéntrico realizado con datos de 23 hospitais de toda España ––incluído o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS)–, con datos de 47 Unidades de Coidados Intensivos Pediátricos (o 90 % do total no Estado), revelou que a síndrome inflamatoria multisistémica asociada á covid-19 “semella ser a presentación máis frecuente entre nenos con enfermidades críticas con infección por SARS-CoV-2”, tamén sinalou as lesións cutáneas entre as manifestacións asociadas a esta síndrome causada pola covid-19.

“Esta síndrome caracterízase por febre [95,6 % dos casos], hipotensión [91,1 %], síntomas gastrointestinais [90,9 %] e manifestacións cutáneas [68,9 %] con elevación de marcadores inflamatorios xunto cunha linfopenia significativa [número máis baixo que o normal de linfocitos, un tipo de glóbulos brancos no sangue], que requiren terapia vasoactiva”, detallaron os autores.

OMS

A Organización Mundial da Saúde (OMS) incluíu as lesións cutáneas entre as manifestacións da covid-19. En concreto, aínda que se asume que “os síntomas máis habituais da covid-19 son a febre, a tose seca e o cansazo”, existen “outros síntomas menos frecuentes que afectan a algúns pacientes” como “as dores e molestias, a conxestión nasal, a dor de cabeza, a conxuntivite, a dor de garganta, a diarrea, a perda do gusto ou do olfacto e as erupcións cutáneas ou cambios de cor nos dedos das mans ou os pés”.

Lembra a OMS que “estes síntomas adoitan ser leves e comezan gradualmente” e que “algunhas das persoas infectadas só presentan síntomas moi leves”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Anti fraudes.

Todo é covid, porque lle convén ó poder ternos controlados.

1 Foxom

Cantos chimpancés hai con pistola... E con internet...