A Xunta pide un plan social polo dragado da ría de Burgo e acusa a outras administracións de "inmobilismo"

O Concello da Coruña insta a un acordo entre a Administración central e autonómica para o pago de compensacións.

Por E.P. | A Coruña | 05/02/2021 | Actualizada ás 18:30

Comparte esta noticia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana defendeu un plan social con participación das administracións estatal e autonómica e os concellos da contorna mentres duren as obras de dragado da ría do Burgo e ante a reivindicación de compensacións polo sector marisqueiro, que apoiou nunha reunión con representantes da Confraría de Pescadores da Coruña.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, visita a Confraría de Pescadores da Coruña
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, visita a Confraría de Pescadores da Coruña | Fonte: Europa Press.

Deste plan, dixo que o Executivo galego "aínda non tivo resposta". Ademais, denunciou o "inmobilismo" que, ao seu xuízo, manteñen o resto das administracións implicadas.

Sobre o plan social, Rosa Quintana detallou que, na súa proposta, a Xunta está disposta "a achegar 100.000 euros de fondos do orzamento de 2021 para o plan social de apoio ao sector", mentres demandou a achega de fondos "na mesma medida aos concellos afectados e ao Goberno central ata conseguir o millón de euros".

O plan deseñado pola Xunta inclúe tamén a demanda á Administración estatal de que os traballos de recollida e reposición de semente na zona sexan realizados polos propios mariscadores da Confraría da Coruña mediante a fórmula legal de encarga que sexa necesaria.

A conselleira do Mar mostrou a predisposición a reunirse co sector e co resto de administracións afectadas para deseñar ese plan social, pero advertiu da "necesidade" de que o Goberno central, "que é o promotor da obra e a quen lle correspondería asumir as indemnizacións, asuma as súas responsabilidades".

POSTURA DO CONCELLO DA CORUÑA

Pola súa banda, o Concello da Coruña reivindica que o colectivo de mariscadoras e mariscadores reciban un apoio institucional durante o tempo que dure o dragado da ría do Burgo, licitada para este ano.

En concreto, o goberno local solicita aos departamentos xurídicos estatais e autonómicos "que se poñan de acordo para adxudicar esta competencia á Consellería do Mar ou ao Ministerio de Medio de Ambiente".

"Trátase de darlles unha compensación económica e unha seguridade xurídica a preto de 80 traballadores do mar que non poderán saír mariscar nun período de dous o tres anos". Mentres, reclama axudas "individualizadas e colectivas" polo cesamento da súa actividade laboral durante a realización das obras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta