Carmela Silva acusa a Xunta de favorecer os concellos gobernados polo PP

A presidenta da Deputación de Pontevedra considera que é unha "forma caciquil e clientelar de gobernar".

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 05/02/2021 | Actualizada ás 18:54

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, criticou a Xunta de Galicia pola súa "forma caciquil e clientelar de gobernar", tras anunciar asfaltados a delegada territorial en Pontevedra. Segundo dixo este venres a presidenta provincial, "todos os anuncios, todas as reunións que está a facer a Xunta de Galicia, comezando polo seu vicepresidente e continuado por todos os conselleiros e conselleiras, son para anunciar investimentos nos concellos do PP".

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva | Fonte: Deputación de Pontevedra.

Respecto diso, asegurou que "xa é intolerable todo o que está a ocorrer" e referiuse a a actuación da delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro, que esta semana anunciou asfaltados en camiños municipais de Lalín, Rodeiro e Dozón, todos eles gobernados polo PP, e previamente anunciara nove actuacións, sete delas en municipios con alcalde ou alcaldesa popular. Tamén acudiu a Focarei onde se fixo "fotos coa oposición para anunciar cribados" para a detección da covid-19, criticou.

Carmela Silva dixo que estes son exemplos desta semana pero "hai moitos máis", polo que conclúe que "non hai dereito a estas cousas, non se pode funcionar así". "O caciquismo e o clientelismo ten que ser erradicado da política", sentenciou.

A mandataria socialista insistiu en que o goberno que preside Alberto Núñez Feijóo "soamente inviste moi maioritariamente nos concellos onde hai un alcalde ou unha alcaldesa popular" e puxo como exemplo o recente anuncio do conselleiro da Educación de obras en colexios de Mos.

Unhas reformas que a presidenta provincial apoia, pero pregunta se tamén se van a mellorar os de Cuntis, Vilagarcía, Pontevedra, Redondela, Vigo, A Illa de Arousa, Silleda ou Forcarei, con gobernos de esquerda.

Fronte a este comportamento "indignante" por parte da Xunta, Carmela Silva esixiu ao Goberno autonómico que "faga exactamente o mesmo" que fai a Deputación de Pontevedra, "unha administración que reparte os recursos con criterios obxectivos", dixo.

Por último, lembrou que máis de 700.000 persoas da provincia de Pontevedra viven en municipios con alcaldes que non son do PP, mentres que os concellos gobernados por ese partido só representan a pouco máis de 200.000 persoas, de modo que a Xunta "ten que cambiar", sentenciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Caciques "somos todas" ! Carmela debera explicar cantos millóns leva metidos no estadio de Balaídos en Vigo ? Ninguén sabe exactamente a cantidade final desta barbaridade https://flic.kr/p/NG6EzJ O estadio é propiedade municipal (de momento) e o Celta é un Clube Privado que está a facer unha cidade deportiva Privada en Mos !