Traballadores de residencias censuran o "trato de favor" á delegada de DomusVi vacinada e o "servilismo" de Feijóo

A Asociación de Traballadores de Residencias de Galicia (Trega) nega que "Fernández Miguélez teña trato directo con familiares de usuarios, nin sequera que acuda ás residencias de maneira regular". En Defensa da Sanidade Pública esixe a dimisión dos responsables da vacinación da delegada de DomusVi.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/02/2021 | Actualizada ás 19:28

Comparte esta noticia

A Asociación de Traballadores de Residencias de Galicia (Trega) mostrou a súa "indignación" pola vacina dispensada pola Xunta á conselleira delegada do grupo DomusVi, Josefina Fernández Miguélez, e tamén ao seu irmán e delegado territorial da multinacional, Pedro Fernández Miguélez; á vez que subliña a súa "incredulidade" pola "actitude servil" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao que acusan de "defender unha vez máis" as "teses" da compañía.

A conselleira delegada de DomusVi en España, Josefina Fernández, na súa comparecencia da comisión para a reactivación social e económica do Parlamento de Galicia.
A conselleira delegada de DomusVi en España, Josefina Fernández, na súa comparecencia da comisión para a reactivación social e económica do Parlamento de Galicia. | Fonte: Europa Press

A organización censura o argumento esgrimido por DomusVi para xustificar o acceso a dose de dous dos seus altos cargos. "Non é certo que a señora Fernández Miguélez teña trato directo nin con familiares de usuarios, nin sequera que acuda ás residencias de maneira regular", sostén Trega.

Neste sentido, aseguran que "a maioría" dos empregados dos centros que DomusVi ten en Galicia "non viron na súa vida" a conselleira delegada, "que soamente aparece nas inauguracións para facerse a foto cos políticos de quenda".

"Oxalá fose máis a miúdo con eses altos cargos, así polo menos ese día os usuarios dos centros terían un menú máis nutritivo, beberían en vasos de cristal e non de plástico como habitualmente e terían servilletas de tea, algo impensable nalgúns centros", sentencian os traballadores.

Sobre a vacinación do irmán de Josefina Fernández, que ocupa o cargo de delegado para a zona sur de Galicia, Trega desacredita o argumento empregado pola empresa de que Pedro Fernández visita os centros e que, mesmo, ten despacho propio nalgún deles.

"Parece unha escusa pouco crible", apunta a asociación de traballadores, que engaden que "seguindo este argumentario" deberían recibir a vacina o resto de delegados territoriais de DomuVi en España, "algo que non sucedeu".

Por último, cargan contra a actitude mostrada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen, o pasado xoves, tras coñecerse a noticia adiantada por 'Eldiario.es' un día antes, xustificou que se administrase a vacina a Josefina Fernández porque se notificou "relación" cos residentes.

"Só podemos mostrar incredulidade pola actitude servil mostrada polo presidente da Xunta defendendo, unha vez máis, as teses elaboradas por DomusVi, mostrado un descoñecemento absoluto da realidade. Para iso, mellor estar calado", engade Trega.

DIMISIÓN

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) cualificou de "despropósito" a vacinación da conselleira delegada de DomusVi e pediu a dimisión dos responsables da inmunización da que consideran a "xestora" do "desastre sucedido nas residencias privadas de Galicia".

"O tráfico de influencias é manifesto e o rexeitamento por parte da AGDSP é total", asegura a entidade, que censura que Josefina Fernández fose vacinada por diante de persoas de risco.

A asociación critica a composición da comisión de expertos e asegura que "case a metade dos membros son cargos institucionais" cuxa designación se fai por criterios de afinidade política en lugar de por a súa experiencia ou coñecementos.

Neste sentido, ademais de censurar que falta persoal experto en pandemias, subliña que, excluíndo os cargos institucionais, "20 de 26 membros" da comisión de expertos "defenden intereses privados ou presentan grandes conflitos de interese pola súa vinculación ás empresas farmacéuticas".

"Parece unha comisión cunha forte carga política e institucional e na que as principais especialidades relacionadas coa loita contra a pandemia teñen unha escasa presenza", sinala a entidade, que considera que está "moi afastado do instrumento necesario para asesorar e adoptar decisións en base a criterios científicos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta