Verín quere 'manter viva a chama do entroido'

Con este obxectivo, o concello anunciou unha serie de accións para 'manter vivo o espirito', dende a responsabilidade, da festa tradicional máis esperada do ano.

Por X.M. Fernández | Verín | 09/02/2021 | Actualizada ás 09:35

Comparte esta noticia

O pasado día 4 de febreiro fíxose o reparto de máscaras temáticas do Entroido nos centros educativos de Verín, acción que se complementa cunha campaña de visibilización nas plataformas dixitais institucionais e a distribución entre os establecementos comerciais de Verín de pancartas para os balcóns e chapas, destinadas aos veciños e veciñas de Verín.

Cativas e cativos coas máscaras e o cartel da campaña de Entroido 2021. Foto: Concello de Verín
Cativas e cativos coas máscaras e o cartel da campaña de Entroido 2021. Foto: Concello de Verín

“Entroido de Verín, sempre latexando”

Este é o lema escollido para promover o Entroido este ano, no que a programación presencial  tivo que ser suspendida. O obxectivo da campaña é contribuír, de  maneira segura e responsable, a manter vivo o espírito entroideiro.

Para iso, a concellería de Cultura e Festexos programa varias accións específicas que comezaron co xoves de compadres, e rematarán o vindeiro mércores de cinza.

O  Concello de Verín, en colaboración coa Asociación de Hostaleiros de Verín (AEHCOM) e a Asociación de Empresarios de Verín (AEVER)  -así como co resto de negocios que conforman o comercio local- realizarán unha distribución masiva de chapas e pancartas de balcón destinadas a "manter viva a chama do Entroido".

Outra das accións programadas será unha campaña promocional que se lanzará a través da web e redes sociais oficiais do Concello. Consistirá na reedición do diferente material audiovisual recompilado nas últimas edicións do Entroido, co que se realizarán publicacións diarias que permitirán á veciñanza e amigas/os do entroido de Verín rememorar todos os grandes momentos que se viven nestas tradicionais festas.

A concelleira de Cultura, Emilia Somoza, anunciou que "dada a gran acollida que tivo entre a veciñanza a  iniciativa das máscaras temáticas, desde o Concello de Verín decidimos abrir a venda ao público xeral". Os cubrebocas poderán mercarse na taquilla exterior do Pavillón Municipal de Deportes (rúa Irmáns Moreno) por un prezo de 5 euros, entre este luns 8 e o venres 12 de febreiro. (Horario: Pola mañá, de 10:00 a 13:00; Pola tarde, de 16:00 a 18:00 horas).

REFORZO DA SEGURIDADE

Desde a área de Tráfico, Seguridade Cidadá e Protección Civil, dirixida por Cándida Couñago, confirmaron que, malia non haber programación presencial, manterase o reforzo dos efectivos ordinarios de Policía local, que como vén sendo habitual realízase nos principais días do  Entroido, coa finalidade de garantir o cumprimento das medidas sanitarias vixentes.

Neste senso, Couñago trasladou unha mensaxe á veciñanza, apelando á súa responsabilidade e remarcando que "Queremos lembrar aos veciños e veciñas de Verín que a nosa Comunidade Autónoma atópase en nivel máximo de restricións e, entre outras medidas, están totalmente prohibidas as reunións de non conviventes tanto no ámbito privado como público".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta