O trazado da estrada ás Somozas será modificado para poder transportar pas eólicas de maior tamaño

Esta mesma semana o Diario Oficial de Galicia (DOG) "convocará aos propietarios dos terreos para o levantamento das actas previas á ocupación".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/02/2021 | Actualizada ás 19:10

Comparte esta noticia

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, informou este luns de que o seu departamento licitará "de maneira inmediata" a reforma dun tramo da estrada AC-110 (Espiñaredo-A Barqueira), na zona da Garita, nas Somozas, para facilitar "o transporte de pas de aeroxeradores das maiores dimensións", e apostar así polo mantemento do emprego na planta que a multinacional Siemens Gamesa ten situada no polígono industrial desta localidade e cuxa dirección presentou un ERE extintivo para os seus 215 traballadores. Así o dixo durante un acto celebrado no edificio administrativo da Xunta en Ferrol, onde estivo acompañada polo alcalde das Somozas, Juan Alonso Tembrás (PP).

Vázquez apuntou que a supresión de dúas curvas e a ampliación da plataforma do viario, para facilitar o tránsito de vehículos especiais dunha gran lonxitude, será posible coa execución desta actuación, cuxo proxecto construtivo e o Decreto de urxente ocupación xa están redactados, polo que esta mesma semana o Diario Oficial de Galicia (DOG) "convocará aos propietarios dos terreos para o levantamento das actas previas á ocupación".

Ethel Vázquez detallou que as obras están valoradas en máis de 400.000 euros, ao que hai que engadir preto de 90.000 euros para expropiacións e máis de 13.000 euros para á reposición dos servizos afectados. Así mesmo, o Concello das Somozas destinará 163.000 euros para completar a urbanización, unha actuación que ten un prazo de execución de seis meses.

MENSAXE A SIEMENS GAMESA

Ethel Vázquez aproveitou a súa comparecencia ante os medios de comunicación para incidir "no esforzo da Xunta" con esta actuación, "que debe de ser tomado en consideración pola empresa Siemens Gamesa, que, entre outras razóns para xustificar o seu peche, trasladou as dificultades para o transporte das pas de aeroxerador de grandes dimensións".

Neste sentido, a conselleira destacou que a empresa era coñecedora de que o Goberno da Xunta estaba "a traballar neste proxecto para solucionar os problemas de transporte". Tamén o alcalde das Somozas incidiu neste asunto. "Con esta actuación, porque temos un estudo realizado, Siemens Gamesa non tería ningún problema para sacar das Somoza calquera tipo de pa dentro dos modelos que está a facer, tanto o modelo 150 como o 78", subliñou.

O rexedor popular tamén detallou que, no seu momento, foille entregado a Siemens Gamesa "un compromiso asinado de que, no momento que quixese instalar o molde para facer pas de maior tamaño, que pola estrada non habería ningún problema.

Rolda de prensa da conselleira Ethel Vázquez e o alcalde das Somozas
Rolda de prensa da conselleira Ethel Vázquez e o alcalde das Somozas | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta