O PP aproba en solitario a primeira Lei de Museos de Galicia

O texto contou co rexeitamento da oposición por consideralo "insuficiente" e "baleiro de contido".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/02/2021 | Actualizada ás 14:26

Comparte esta noticia

O grupo do PP no Pleno do Parlamento de Galicia aprobou este martes en solitario a que será a primeira Lei de museos e outros centros museísticos de Galicia, un texto que contou co rexeitamento da oposición por consideralo "insuficiente" e "baleiro de contido".

Museo de Pontevedra
Museo de Pontevedra | Fonte: xunta.gal

Aínda que todos os grupos eloxiaron no debate en Pleno o "bo clima" alcanzado durante o relatorio en comisión do texto lexislativo, PSdeG e BNG cargaron contra a decisión de non incorporar a maior parte das súas emendas e afearon que a norma está "baleira de contido", polo que votaron en contra.

Con todo, o PPdeG aprobou, a través da súa maioría absoluta, a lei, que será a "primeira norma específica que regulará esta materia" en Galicia e que, en palabras do deputado popular José Luís Ferro, inclúe "cuestións importantes e de calado".

Na súa intervención, Ferro explicou que a lei "regulará de maneira específica" 94 museos galegos, así como outras institucións museísticas, "abordando de forma xenérica os retos de afrontan estas institucións". Para iso, apuntou, "define cada unha das tipoloxías" que o conforman, delimita as condicións necesarias para a súa creación e aspectos organizativos, propón medidas de dinamización ou fixa un réxime sancionador neste ámbito, entre outras cuestións.

O texto, dixo o popular, dará a estes centros "máis rigor" e máis "seguridade xurídica", ao definir cada unha das tipoloxías que integran o concepto xenérico de centro museístico e dentro das cales se engadirá unha nova categoría, a de centros de interpretación do patrimonio cultural.

Ademais, establecerá o Sistema Galego de Centros Museísticos, co fin de mellorar a organización, coordinación e funcionamento das institucións que o integren e facilitará a creación de redes de centros para a cooperación no aproveitamento dos medios dos que dispoñen. Tamén se adoptará un rexistro xeral de centros, con todos os seus datos, e promocionarase ao ámbito TIC e de investigación.

Finalmente, mediante esta lei, crearase o Consello de Centros Museísticos de Galicia, cuxa conformación foi cuestionada de novo desde as bancadas da oposición, entre outros motivos, por non incluír o Consello da Cultura Galega. Fronte a iso, o deputado popular argumentou que entende que esta composición "non ten que ser ríxida" nin "inamovible". "A nosa redacción non exclúe a ninguén", dixo.

SALVAGARDA DA MEMORIA CULTURAL

Durante a súa intervención no debate, a deputada socialista Noa Díaz volveu cargar contra un texto que considera "insuficiente" e xustificou o voto en contra dos socialistas alegando que a cultura galega "merécese máis" que esta norma.

Así mesmo, e aínda que valorou "a boa sintonía de traballo" no relatorio, criticou que só se admitisen finalmente unas poucas emendas socialistas e que fosen "de pouco calado". Con iso, alegou, houbo "entendemento" pero "non vontade de traballar no texto normativo", xa que, na súa opinión, as "ideas e liñas viñan previamente marcadas". Do mesmo xeito, asegurou que houbo unha "falta de vontade" para "escoitar aos profesionais do sector".

Entre outros elementos, Noa Díaz afirmou que a lei "non regula con precisión os obxectivos ou a misión" destes centros e "obvia que os museos son institucións dedicadas á salvagarda da memoria cultural, non meros colectores".

"O que apreciamos é non só desinterese por regular este ámbito, se non poucas ganas de entender a súa evolución no tempo e a maneira que ten a sociedade de consumir ese tipo de cultura", dixo a deputada socialista, que ve a concepción da actividade museística desta lei "caduca" e acusou a Xunta de querer aprobala para "sumar unha iniciativa legal máis, dado o seu escaso traballo neste sentido nos últimos anos".

UN TEXTO NA "PREHISTORIA MUSEÍSTICA"

Na mesma liña, a deputada do BNG Mercedes Queixas dixo na súa intervención que o texto carece de "ambición e proxección de futuro" e de "capacidade de anticipación", converténdose nunha "casca baleira" que "dista moito das potencialidades do patrimonio museístico" galego.

En particular, Queixas referiuse a un "déficit de base" como é a non presenza "das novas correntes de pensamento en museoloxía", unha "ausencia maiúscula" que "condena a este texto antes de nacer á prehistoria museística".

Tamén afeou a falta da "necesaria consulta e contraste con órganos fundamentais", como o Consello da Cultura Galega ou as universidades e o "pequeno e pouco accesible tempo de exposición pública" para a achega de cuestións, de "tres semanas durante o verán".

Finalmente, entre as emendas rexeitadas, a deputada do BNG mencionou a "exclusión do patrimonio material e da memoria histórica", a "ausencia de detalle nas competencias" destes centros ou a "renuncia a regular aqueles museos ou coleccións que son titularidade da Igrexa ou do Exército".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta