PP e BNG coinciden en defender que as industrias do mar sigan operando ao pé da costa

Piden cambios na nova Lei de Costas do Goberno central. PSdeG ve "demagoxia" na iniciativa dos populares e defende que limitar a 75 anos as concesións no litoral "non altera" a lexislación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/02/2021 | Actualizada ás 20:40

Comparte esta noticia

O PP e o BNG volveron a coincidir este martes no Parlamento galego en reclamar ao Goberno central "diálogo" coa cadea mar-industria de Galicia ante un eventual cambio na Lei de Costas, que estaría propiciado polo proxecto de lei de cambio climático e transición enerxética que se atopa en trámite no Congreso.

Este acordo entre populares e nacionalistas xurdiu durante o debate dunha proposición non de lei, presentada polo PP, na que ademais se pide "a supresión ou modificación substancial" do artigo 18 da devandita lei de cambio climático, elaborada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Vista da Ría de Vigo coa Ponte de Rande ao fondo. EUROPA PRESS - Arquivo
Vista da Ría de Vigo coa Ponte de Rande ao fondo. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Neste sentido, avogan por que nesa disposición se exceptúe a actividade de depuradoras, plantas de acuicultura, cocedeiros, conserveiras e calquera outra actividade relacionada coa cadea mar-industria do que establece para os títulos de ocupación de dominio público marítimo-terrestre.

A encargada de defender a iniciativa, cuxa votación terá lugar o mércores, foi a popular Teresa Egerique, quen explicou a "incerteza" e "inseguridade xurídica" que supón o artigo 18 porque "limita" a 75 anos, tendo en conta as prórrogas, a duración das concesións da zona de dominio público marítimo-terrestre que establece a Lei de Costas. Segundo o PPdeG, isto podería "afectar como mínimo a centos de empresas de Galicia" que operan na liña de litoral e a "miles de estruturas de 80 concellos costeiros".

O BNG QUERE "A SUPRESIÓN" DO ARTIGO 18

Pola súa banda, a deputada do BNG Rosana Pérez lembrou que a Comisión de Pesca do Parlamento galego xa aprobou a comezos de decembro, co 'si' do PP, unha proposición non de lei dos nacionalistas que era similar, aínda que cunha diferenza: "Nós eramos claros e rotundos. Queremos a supresión do artigo 18".

Neste sentido, Pérez criticou que "de facto" se pretenda unha modificación da Lei de Costas a través do proxecto normativo sobre cambio climático, que "non é o lugar" para facelo e que ademais --denunciou-- "dá por feito que calquera actividade na costa é nociva".

O PSDEG VE "DEMAGOXIA"

Fronte a todo iso, o socialista Pablo Arangüena censurou a "demagoxia política" dos populares e remarcou a idea de que o seu partido "non vai apoiar ningunha medida lexislativa ou de calquera tipo que vaia contra a economía da costa ou da cadea mar-industria" da Comunidade galega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta