Unidas Podemos pídelle ao Goberno que free o "megaproxecto" eólico deseñado para Pena Trevinca

A iniciativa do goberno noruego podería erguer ata 31 torres eólicas na montaña máis alta de Galicia.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/02/2021 | Actualizada ás 13:45

Comparte esta noticia

A polémica dos proxectos eólicos en Galicia continúa. Nas últimas semanas vense de coñecer que unha empresa de aeroxeradores estaría a planificar a instalación dunha explotación eólica no teito de Galicia: as montañas de Pena Trevinca. Estes plans empresariais, feitos públicos polo Club de Montañismo Montañas de Trevinca, comezan a recoller as primeiras mostras de rexeitamento na bancada política, comezando polo grupo parlamentarios de Unidas Podemos.

Antón Gómez-Reino en declaracións aos medios. EN COMÚN
Antón Gómez-Reino en declaracións aos medios. EN COMÚN

Foi Antón Gómez Reino o que pediu ao Ministerio de Transición Ecolóxica que "impida" o desenvolvemento no nomeado parque eólico, que leva por nome 'Prada'. “Non se lle pode dar luz verde a un proxecto que recoñece que poderia provocar moitos riscos na zona, por non falar do forte impacto ambiental, paisaxístico e mesmo socioeconómico”, argumentou Gómez-Reino a respecto do proxecto.

Como xa explicou Galicia Confidencial, o Prada implicaría levantar 31 aeroxeradores que sumarían unha potencia total de 170'5MW, cifras que levan ao parlamentario de UP a falar directamente dun "megaproxecto" que, explican dende o partido, afectaría paisaxística e ambientalmente a varios concellos da provincia de Lugo e Ourense. Por estas mesmas razóns, a formación morada vén de solicitarlle ao MITECO unha estimación do impacto ambiental e socioeconómico que tería darlle luz verde a esta iniciativa.

ESPECIES VULNERABLES NA CONTORNA

O proxecto Prada vén impulsado pola empresa pública de enerxía eólica do goberno de Noruega, que nos últimos meses vén de facer acto de presenza no mercado eólico galego ante a política de man aberta da Xunta de Galicia. O proxecto de Trevinca, polo simbólico do seu potencial emprazamento, segue a recoller mostras de rexeitamento que poderían impedir, en última instancia a súa instalación.

"De levarse a cabo", apuntou o deputado Gómez-Reino, "tería unha incidencia negativa sobre o incipiente desenvolvemento socioeconómico na zona, que está baseado e sustentado na propia veciñanza xa que a afección sobre a paisaxe e a integridade deste entorno natural, único en Galicia e no Estado, sería moi negativa". A problemática chegaría tamén ao eido natural porque, en palabras de Gómez-Reino, “no entorno de actuación rexístrase a presenza de 37 especies de mamíferos, 16 de réptiles, 13 de anfibios, 5 de peixes continentais e 16 de invertebrados, algunhas delas cualificadas como vulnerables no Catálogo galego de especies ameazadas”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta