A Xunta volve rexeitar a prohibición da caza do lobo e non descarta recorrer á xustiza

O Goberno galego reclamará compensacións económicas polo impacto para os gandeiros.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/02/2021 | Actualizada ás 15:45

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia e as comunidades ao norte do río Douro volveron mostrar o seu rexeitamento á prohibición da caza do lobo ibérico. Así o expuxeron na reunión deste mércores do grupo de traballo co Ministerio de Transición Ecolóxica para abordar a estratexia de conservación e xestión desta especie.

Varios lobos ibéricos do Centro do Lobo Ibérico na localidade de Robledo de Sanabria, na Serra da Culebra (lugar de maior concentración deste cánido no Sur de Europa). O Centro alberga 11 exemplares deste animal en situación de semiliberdade
Varios lobos ibéricos do Centro do Lobo Ibérico na localidade de Robledo de Sanabria, na Serra da Culebra (lugar de maior concentración deste cánido no Sur de Europa). O Centro alberga 11 exemplares deste animal en situación de semiliberdade | Fonte: Carlos Castro - Europa Press - Arquivo.

Galicia, xunto coas comunidades do norte, solicitaran ao Ministerio o adiamento deste encontro ata aclarar as dúbidas sobre o acordo da última Comisión Estatal de Patrimonio Natural na que se decidiu a prohibición da caza do lobo.

Finalmente, celebrouse a reunión telemática, coa asistencia de persoal técnico da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta, que reiteraron a postura defendida contraria a incluír ao lobo no réxime de protección especial (Lesrpe).

Segundo a Consellería de Medio Ambiente, Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León mostraron o seu malestar pola "celeridade" coa que o Goberno pretende abordar esta cuestión, así como na súa tramitación, despois de que este grupo de traballo estivese cinco anos sen reunirse.

Así, a Xunta sinala que "a ausencia destas reunións técnicas ao longo destes anos é unha mostra máis da falta de diálogo e de participación das autonomías en cuestións que non só lles toca xestionar de modo directo, senón que tamén son do seu ámbito competencial".

IRREGULARIDADES

As autonomías ao norte do río Douro consideran que a decisión da pasada semana da comisión estatal non foi un acordo, senón unha proposta, que non dá por finalizado o procedemento administrativo, á vez que presenta unha serie de irregularidades que deben ser corrixidas.

E é que a Xunta chama a atención acerca de que o comité científico sinala "a ausencia de criterios obxectivos para a inclusión de especies na listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial".

Os gobernos de Asturias, Galicia, Cantabria e Castela e León xa apuntaron a semana pasada que esa decisión suporía un "gravísimo" problema de xestión nestas catro autonomías, que albergan máis do 95 por cento dos lobos en España. Rexeitaron de forma unánime a proposta presentada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica.

APOIO A GANDEIROS

Este mércores, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, reuniuse tamén con representantes de entidades gandeiras de razas autóctonas --de Boaga, Asoporcel, Puraga e Ovica-- para solicitar o seu apoio ante a decisión do Estado de aumentar a protección do lobo.

O Goberno galego e o sector advirten de que prohibir totalmente a caza como medida de control da especie romperá o equilibrio entre a súa presenza na comunidade e a actividade gandeira en extensivo.

De feito, Belén do Campo avisa de que, no caso de que se impoñan o criterio do Ministerio sobre o das comunidades ao norte do río Douro, Galicia esixirá que a medida veña acompañada de compensacións económicas polo impacto na gandaría.

Pon de exemplo o incremento do 126% de danos producidos polo lobo entre 2014 e 2019, un período no que se pasou de 618 avisos a 1.397.

De tal forma, a Xunta, en coordinación coas comunidades afectadas, esixe ao Estado unha rectificación con todos os mecanismos ao seu alcance, sen descartar acudir á xustiza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta