Fiscalía ve "probas suficientes" para condenar o médico de Pontevedra que cobraba certificados de defunción

O acusado enfróntase a unha petición de tres anos e medio de cárcere.

Por E.P. | Pontevedra | 10/02/2021 | Actualizada ás 16:41

Comparte esta noticia

A Fiscalía de Pontevedra ratificou, ao ver "probas suficientes", a súa acusación contra un médico do Centro de Saúde da Parda por un delito continuado de suborno por cobrar por certificados de defunción no xuízo con xurado que se celebra na Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra.

Xulgados
Xulgados | Fonte: Europa Press.

Coa lectura dos informes finais por parte da Fiscalía e do avogado da defensa concluíu este xoves o xuízo. O acusado enfróntase a unha petición de tres anos e medio de cárcere e a ser inhabilitado para o emprego de médico ou para cargo público relacionado co exercicio da medicina durante sete anos e medio.

O fiscal da causa considera que durante a vista oral presentáronse "probas suficientes" para acreditar que este facultativo pediu diñeiro a cambio de expedir certificados de defunción, cuxa emisión é gratuíta e constitúe un dereito de todo usuario da sanidade pública.

Nesta segunda sesión do xuízo compareceron empregados de varias funerarias e cidadáns que relataron como este galeno lles solicitou diñeiro por cumprimentar certificados de defunción.

En todos os casos os seus familiares faleceran nas súas casas en festivo ou fin de semana. O acusado acudía aos seus domicilios co 061 ao estar de garda. Unha vez alí, en case todos os casos confirmaba o "exitus" no rexistro de históricas clínicas do Sergas, pero pedía que os axentes funerarios acudisen ao seu despacho no centro médico para emitir o certificado de defunción. Dous empregados dunha funeraria declararon ante o tribunal que polo documento do "exitus" tamén lles quixo cobrar.

Segundo os axentes funerarios o acusado esixía o pago de distintas cantidades como 100, 70 ou 30 euros, segundo a situación. Os empregados das funerarias explicaron que accedían ao pago porque ás familias apremáballes sacar o cadáver de casa para levalo ao tanatorio ou celebrar o enterro. Aínda que tamén houbo algúns que, segundo dixeron, rexeitaron pagar e esperaron á incorporación o luns do médico de cabeceira que expediu o certificado sen custo algún.

O empregado dunha das funerarias afectadas asegurou que este médico "presumía no sector de que todo o mundo lle pagaba" e que actuaba "con impunidade e aleivosía".

Algúns afectados cursaron queixas ante o Sergas e outros directamente denunciaron os feitos no xulgado. Mesmo un dos familiares que puxo unha queixa ante o Sergas recibiu unha chamada do acusado no seu teléfono particular con "ameazas" por presentar este escrito, algo que tamén denunciou en comisaría.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta