Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/02/2021 | Actualizada ás 15:37
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este xoves a posta en marcha do segundo plan de rescate de hostalaría, autónomos e microempresas para facer fronte aos efectos da covid dotado con 75 millóns de euros. Un plan que dixo , xunto co anterior, mobilizou 170 millóns e é “o maior destas características que se fai en toda España”. Nel tamén están incluídos ximnasios e axencias de viaxe.
Con todo, tamén mantivo a necesidade de manter pechado o sector hosteleiro por ser un dos principais focos de contaxio dixo en alusión a que “todos os dirixentes europeos” opinan o mesmo. “É un sector crítico na transmisión do virus”, manifestou ao defender as medidas tomadas polo seu executivo. “De feito tras o peche do sector tivemos un 45% na baixada da taxa de incidencia do virus”, apuntou.
“E con isto non se trata de criminalizar ao sector nin que os hosteleiros sexan responsables. Non hai que culpabilizalos porque son vítimas”, indicou ao tempo que lenmbrou que el “admira” este sector e é “consumidor” del “sempre que pode”.
CRÍTICAS A CONCELLOS, DEPUTACIÓNS E GOBERNO CENTRAL
Por iso, volveu denfender o seu segundo plan de axudas na que non están concellos, nin deputacións, tras fracasar as conversas mantidas polas distintas institucións para activar plan conxunto de axudas. Por iso, Feijóo dixo que se queren, estes organismos poden sumarse “ao seu plan”. “Os que queiran participar que o digan e nós incrementaremos as partidas neses ámbitos territoriais”, indicou.
De feito, foi máis alá e foi moi crítico con estas institucións. “E o que pedimos é que non lles sigan pasando os impostos municipais. Iso é lamentable. E que non teña axudas directas do Goberno central tamén é lamentable. Por iso tivemos que ser nós e estamos desbordados”, manifestou.
PLAN
Este segundo plan de rescate da hostalaría está destinado a autónomos, microempresas e hostalaría e resto de actividades pechadas desde xaneiro –ximnasios ou axencias de viaxe, entre outros --. Así, percibirán entre 1.200 e 15.000 euros en función da modalidade das axudas.
En palabras de Núñez Feijóo, as axudas serán acumulativas e repartiranse en función de escalas graduais que atenderán ao volume de negocio, os traballadores ou as perdas respecto da facturación previa á pandemia.
Dos 75 millóns que compoñen o plan de rescate, 30 serán dedicados ao sector da hostalaría. Así mesmo, a Xunta abriu a porta a que se somen ao fondo as administracións locais e provinciais, que "o único que teñen que facer" é indicar "que cantidade" desexan achegar.
Por outra banda, Feijóo anunciou que este venres o vicepresidente económico, Francisco Conde, e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, manterán un encontro co catro federacións provinciais de comercio para a posta en marcha dunha estratexia de fomento do consumo no comercio de proximidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.