Temas: PSOE PP NAVAL

O PP resume a relación do PSOE co naval en "votar a favor en Ferrol, absterse en Santiago e votar en contra en Madrid"

"Imos demandar que o Goberno do Estado contrate un barco a Navantia Ferrol, que dote de carga de traballo ao estaleiro mentres non se inician os traballos da primeira das F-110" declarou a deputada pola provincia da Coruña Tristana Moraleja.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/02/2021 | Actualizada ás 18:09

Comparte esta noticia

A deputada nacional do PP pola provincia da Coruña Tristana Moraleja acusou ao PSOE de "votar a favor do sector naval en Ferrol, absterse no Parlamento de Galicia e votar en contra en Madrid". A representante na Cámara baixa afirmou que esta actitude é "todo o contrario do que fai o PP, que vota en todos os escenarios a favor do sector naval da ría de Ferrol".

En compañía do presidente local deste partido, deputado autonómico e portavoz municipal, José Manuel Rey Varela, a popular detallou que o PP vai presentar varias iniciativas no Congreso para tratar de reverter a situación do naval ferrolán, e lembrou algunhas propostas xa presentadas e que foron rexeitadas.

CONTRATO DUN BARCO

"Imos demandar que o Goberno do Estado contrate un barco a Navantia Ferrol, que dote de carga de traballo ao estaleiro mentres non se inician os traballos da primeira das F-110", explicou Moraleja, antes de incidir en que tras a chegada de Pedro Sánchez á Moncloa "paralizouse, a pesar de que había diñeiro consignado polo anterior Goberno, o proxecto destas novas fragatas". A deputada nacional tamén adiantou que demandarán "tamén unha calendarización dos prazos previstos para o corte de chapa e planificación dos traballos de construción das F-110".

En canto ao proxecto de transformación do estaleiro, a popular aseverou que "non hai licenza municipal para o taller de sub-bloques, non hai financiamento nin vontade para construír un dique" e que por iso "non se pode seguir permitindo esta situación". Por iso solicitarán ao Goberno de España "que xestione estes proxectos a través dos fondos europeos".

ENCONTRO CON TRABALLADORES

Moraleja confirmou que o vindeiro mércores, 17 de febreiro, os deputados e senadores do PP entrevistaranse os comités de empresa de Navantia Ferrol e Fene, tal e como estes solicitáronlles a todos os representantes galegos en Madrid de todos os partidos políticos, para darlles a coñecer estas iniciativas, así como o apoio á folga comarcal do próximo 10 de marzo.

"Non permitiremos que o Goberno de Sánchez agravie á comarca de Ferrol, seguiremos demandando o que nos pertence, carga de traballo para os estaleiros da ría de Ferrol", sentenciou.

Pola súa banda, Rey Varela asegurou que a cidade e a súa comarca está "nunha situación límite, con 2.000 despedimentos no naval no último ano, ao que se poden sumar outros 1.000 operarios máis este ano se non se arranxa esta gravísima situación".

O representante popular rexeitou "mirar para outro lado" e comprometeu "activar" a todos os grupos parlamentarios "en defensa dos intereses de Ferrol", para finalizar asegurando que "no Partido Popular trabállase en coordinación, defendendo o mesmo en Ferrol, en Santiago e en Madrid".

Recreación virtual dunha fragata.
Recreación virtual dunha fragata.

Temas: PSOE PP NAVAL
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta