A imaxe de Rosalía iluminará as fachadas do pazo provincial de Pontevedra e os consistorios de seis concellos

Será do 24 de febreiro ao 2 de marzo, para conmemorar á escritora galega no seu día.

Por E.P. | Pontevedra | 12/02/2021 | Actualizada ás 18:36

Comparte esta noticia

As fachadas do pazo provincial de Pontevedra, sede da deputación, e das casas consistoriais de seis concellos pontevedreses iluminaranse do 24 de febreiro ao 2 de marzo coa imaxe de Rosalía de Castro para conmemorar á escritora galega no seu día.

Rosalía de Castro.
Rosalía de Castro.

Co obxectivo de adaptar as celebracións do Día de Rosalía (24 de febreiro) ao contexto actual marcado pola pandemia, a Deputación de Pontevedra ideou esta acción de 'mapping' coa que se proxectará a imaxe da creadora en sete edificios oficiais da provincia.

"A idea que temos é que o público comparta as súas fotografías coas fachadas iluminadas nas redes sociais cos hashtags #CoaForzadeRosalía, #DíadeRosalía e #ADepoconRosalía", explicou a presidenta provincial, Carmela Silva, na presentación da iniciativa coa que a deputación quere "celebrar ao grande, como cada ano" o Día de Rosalía.

Ademais, o 24 de febreiro terá lugar un acto cultural en honra á escritora. Será retransmitido por Internet desde o pazo provincial, xa que o público non poderá asistir debido á situación sanitaria.

O acto estará protagonizado por nenos e nenas da provincia, que lerán poemas de Rosalía. Ademais, Anna R. Figueiredo será a encargada de ler un manifesto impulsado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a artista Uxía Senlle porá a música.

CONCURSO DE DEBUXO

Outra das novidades deste ano é a convocatoria dun concurso de debuxo dirixido a escolares. Baixo o nome 'A nosa Rosalía', os pequenos da provincia plasmarán sobre o papel a súa idea sobre a creadora de 'Cantares gallegos'.

"Temos a sorte de ser unha comunidade que ten como elemento simbólico a unha muller, a Rosalía de Castro", indicou Silva, que subliñou a importancia de "achegar a súa figura ao público máis novo, porque é fundamental que teñan compromiso con todo" o que, di, representa a escritora.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta